Rubén Arroxo visita a praza do Sagrado Corazón, que entra na última fase da renovación, e será protagonista do Culturban

Arroxo: “a renovación desta praza está practicamente rematada, queda só colocar os elementos ornamentais como bancos ou xardineiras”

O Tenente Alcalde e a concelleira de Cultura presentaron a terceira edición do festival de arte urbano Culturban xunto con representantes da organización

Rubén Arroxo visita a praza do Sagrado Corazón, que entra na última fase da renovación, e será protagonista do Culturban

Lugo, 30 de marzo de 2022.  O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, o edil de Infraestruturas, Alexandre Penas, e a concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, visitaron a praza do Sagrado Corazón, que vén de entrar na última fase da súa renovación integral. "A veciñanza deste barrio está xa a utilizar unha praza totalmente renovada e humanizada, que dá continuidade ao traballo realizado tras a instalación do novo ascensor", detallou o Tenente Alcalde, que engadiu “nas vindeiras semanas instalaranse os elementos ornamentais, como bancos e xardineiras, que darán por rematada a intervención integral na praza”.

Os traballos executados pola área de Mobilidade e Infraestruturas garanten boas condicións dos servizos públicos e melloran a calidade de vida e o benestar da veciñanza da contorna. Arroxo explicou as melloras que se realizaron na zona, consistentes na renovación do firme da praza e da súa iluminación, "o que converteu esta praza nun espazo máis  aberto e amable coas persoas". A renovación incluíu tamén a instalación de novas luminarias de baixo consumo, avanzando na renovación da rede de alumeado público municipal.

Culturban

O Goberno de Lugo presentou tamén a terceira edición do festival de arte urbano Culturban, organizado pola área de Cultura en colaboración co espazo LUPA Arte.

A nova edición bota a andar cun xeneroso legado repartido por todo a cidade, diversos murais en fachadas e medianeiras forman parte xa da identidade e memoria colectiva da nosa cidade.

Como en ocasións pasadas, ademais das novas propostas murais que invadirán con arte e cor os diversos barrios, Culturban, tamén programa actividades paralelas que dinamizarán as rúas con cultura en diversos formatos.

A terceira edición do Culturban contará de novo co Combate Mural, onde 10 artistas seleccionados por convocatoria competirán nun combate mural durante unha xornada, co terán o mesmo formato pictórico, os mesmos materiais, o mesmo tempo e mesmas temática.

Nesta edición volverán celebrarse as xornadas Portas Abertas, nas que, ao longo de 4 xornadas as artistas e creadoras da cidade abrirán ao público os seus obradoiros, talleres e espazos de creación tras o gran interese causado na súa primeira edición.

Como novidade desta edición, prográmanse diversas intervencións artísticas puntuais repartidas por toda a cidade e que buscan o factor sorpresa visual, con esta proposta exponse intervencións concretas realizadas por diversos artistas, para realzar e ilustrar espazos urbanos ás veces esquecidos pero útiles.

Como é habitual en anteriores edicións, Culturban seguirá convidando a artistas lucenses e galegos como mostra de apoio aos nosos creadores.

Nesta edición, contaremos coa presenza de artistas cunha dilatada traxectoria mural, Yoseba Muruzabal (Cambre) co seu popular proxecto (Superavoas) “Fenómenos do Rural”, Xoana Almar (Santiago de Compostela) do colectivo Cestola na Cachola e Doa Oa (Sober) coa súa constante apoloxía á beleza da natureza, ademais, nas actividades paralelas programadas, contaremos coas intervencións de Pelucas Pilas Bubbles (Vigo), Branca Escrigas (Valdoviño) ou Xema López (Lugo).

Rubén Arroxo visita a praza do Sagrado Corazón, que entra na última fase da renovación, e será protagonista do Culturban