O Vello Cárcere cumpre 5 anos desde a súa reapertura
A concelleira de Cultura destacou a importancia desta instalación cultural, “unha das máis importantes da cidade e que é un gran atractivo para as veciñas e veciños de Lugo e para as persoas que nos visitan”
O Vello Cárcere realizará actividades especiais polo quinto aniversario ata final de ano, con visitas escolares, xornadas sobre memoria histórica e visitas teatralizadas
Lugo, 30 de marzo de 2022. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presidiu o acto polo quinto aniversario da reapertura do Centro Cultural O Vello Cárcere, que se celebrou esta mañá nas instalacións do centro. Maite Ferreiro destacou que o Vello Cárcere “é un dos centros culturais máis coñecidos de Lugo, tanto pola súa singularidade e historia como por terse convertido nos últimos anos nun dos espazos de referencia de Lugo para as mostras artísticas de calidade, tanto para artistas locais como para achegar a Lugo mostras con recoñecementos a nivel internacional”.
Maite Ferreiro destacou que “o Vello Cárcere desenvolve ao longo do ano distintas actividades para toda a veciñanza de Lugo, como visitas guiadas ao centro, que inclúen paradas na mostra permanente, que trata sobre a memoria histórica, e nas distintas exposicións temporais que podemos atopar durante todo o ano”, e engadiu “as visitas escolares son un gran atractivo, e nas últimas semanas máis de 300 nenas e nenos de distintos centros se achegaron a coñecer o Centro Cultural”.
A exposición permanente O Vello Cárcere: da guerra á posguerra xira entorno a este período histórico e político, cando a instalación pasou a albergar a presas e presos políticos. A mostra comeza na cela colectiva, e continúa por todas as celas da pranta baixa, as antigas celas de homes.
Programación quinto aniversario do Vello Cárcere
Maite Ferreiro anunciou que a programación do Vello Cárcere continuará durante todo o ano, celebrando o quinto aniversario da apertura da instalación. “Realizaremos actividades especiais, entre as que se contarán unha serie de visitas teatralizadas ao Cárcere”, afirmou Maite Ferreiro, que engadiu “no mes de novembro, o Vello Cárcere acollerá unhas xornadas de análise arredor da memoria histórica”.