O BNG en Guitiriz impulsa bonificacións fiscais para a instalación de sistemas de aproveitamento solar
Esta medida implica a redución do IBI nun 50% durante 5 anos e o ICIO nun 50%
O concelleiro do BNG, Xosé Lois González “Pereira” declarou “Esta medida pretende fomentar o autoconsumo enerxético e aliviar o custo económico que supón a instalación destes sistemas”
Guitiriz, 30 de marzo de 2022.- O Bloque Nacionalista Galego en Guitiriz impulsou no pleno municipal unha proposta para aplicar unha redución dos impostos municipais e fomentar a instalación de sistemas de aproveitamento solar.
En concreto, a medida propón bonificar o Imposto de Bens Inmobles (IBI) nun 50% durante 5 anos e o Imposto de Construcións, Instalacións e Obras (ICIO) nun 50%.
“Esta medida pretende fomentar o autoconsumo enerxético e aliviar o custo económico que supón a instalación destes sistemas” sinalou o concelleiro do BNG, Xosé Lois González “Pereira”
O concelleiro do BNG engadiu “a instalación de paneis solares ou outras tecnoloxías deste tipo, supoñen un aforro considerábel na factura da luz, tanto en vivendas particulares como nas empresas e explotacións gandeiras”
Xosé Lois González “Pereira” destacou que esta medida contribúe á sostibilidade do Planeta “temos que ser menos dependentes na enerxía, por isto, desde as institucións temos que pór mecanismos para contribuír a soberanía enerxética e mellorar a continuidade da Terra”
Medidas ante a inflación
O BNG tamén presentou no pleno unha batería de medidas urxentes para frear os efectos da brutal subida de prezos. Algunha delas son: a compra pública de pensos para garantir a subministración, subir as pensións e salarios máis baixos ou a baixada selectiva do IVE dos alimentos e servizos básicos.