“AS PRAZAS E RÚAS ATEIGADAS FOI A EVIDENCIA DO ÉXITO DAS FESTAS, O RESULTADO FOI MOI POSITIVO” SEGUNDO A RESPONSABLE DA ÁREA DE CULTURA
“O San Froilán demostrou ser, unha vez máis, a grande festa do outono galego” resumiu Maite Ferreiro
Ferreiro sinalou “damos por cumprido o obxectivo de que cada unha das centos de miles de persoas que participaron na festa gozaran e sentisen seu o San Froilán”
Lugo, 13 de outubro de 2019. A edil de Cultura, Maite Ferreiro, fixo balance das festas do San Froilán unha vez rematadas. A responsable de Área de Cultura indicou que “non imos dar cifras sobre o número de persoas que acudiron este ano ao San Froilán por que todo o intento de cálculo deste tipo é tan complexo como incerto” e engadiu “damos por cumprido o obxectivo de que cada unha das centos de miles de persoas que participaron na festa gozaran e sentisen seu o San Froilán”. Maite Ferreiro aproveitou para facer un especial agradecemento a todas as persoas, empresas e colectivos que dun xeito ou outro participaron na organización das festas, facendo especial mención aos diferentes departamentos e persoal do concello que “nestes días traballaron de xeito continuado para que as festas fosen un éxito como foi o caso do persoal de cultura, policía local, bombeiros ou o servizo de limpeza”.
“A asistencia de público aos concertos e ás actividades programadas foi máis que satisfactoria, lucenses e visitantes disfrutaron do San Froilán dende o seu comenzo o día 4 ata o seu remate o día 12” indicou Ferreiro e engadiu “as prazas e rúas ateigadas foi a evidencia do éxito das festas, o resultado foi moi positivo e esta claro que este modelo de festas funciona e con el continuaremos de aquí en diante”. Dende a Área de Cultura do Concello deseñouse un programa de festas para chegar a todo tipo de público “queriamos que todas as persoas que viven en Lugo ou nos visitan sentisen que as festas eran súas” explicou Maite Ferreiro.
Maite Ferreiro salientou “logrouse que Lugo siga tendo orgullo das súas festas e o San Froilán demostrou ser, unha vez máis, a grande festa do outono galego”. Con máis de 200 actuacións músicais e a participación duns 50 grupos locais a animación de rúa foi protagonista do San Froilán 2019. Os concertos a pé de rúa en diferentes zonas da cidade tamén serviron para dinamizar os barrios e achegar as festas do San Froilán. A edil de Cultura fixo referencia ao concerto da Banda Municipal que “grazas á implicación e empeño de integrantes da banda e convidadas puido saír adiante cun éxito máis que salientable”.
A edil de Cultura destacou tamén a participación de colectivos e asociacións que programaron eventos encadrados no programa de festas e a grande participación dos máis pequenos nas máis de 25 actuacións que completaban o programa do San Froilán Miudo ou as preto de 20 actividades deportivas vencelladas ás datas das festas. O desfile de gando e a celebración de ExpoLugo ou a presenza do Mago Antón e os espectáculos de rúa, xunto coa programación sobre Cultura na carpa do Cantiño Nemesio Cobreros, foron parte dos atractivos da festa.
Promoción turística e de programas do concello
“Aproveitamos o indiscutible poder de convocatoria que tivo este ano o San Froilán para promover os valores da nosa cidade e para convidar a todas as persoas que nos visitaron a volver a Lugo” explicou Maite Ferreiro. Durante as festas permaneceron abertos os distintos puntos de información turística dos que dispón o concello de Lugo para atender a visitantes. Tamén se aproveitaron as pantanllas xigantes da praza da Horta do Seminario para promover a campaña de #Lugo100MIL e convidar a empadroarse a aquelas persoas que aínda non o fixeran e lograr que Lugo supere a cifra dos 100 mil habitantes. Outros dos programas municipais que se promoveron foi o programa APEGO que sumou máis de 200 novas inscricións durante estas festas.