RUBÉN ARROXO: "CONTINUAMOS A INVESTIR NA MELLORA DAS ZONAS URBANAS E PERIURBANAS DE LUGO, ACTUANDO EN 7 VÍAS E CAMINOS DE SAN FIZ"
A Tenencia de Alcaldía activa a renovación do asfalto de diversas rúas de San Fiz
Rubén Arroxo: "Continuamos a investir na mellora das zonas urbanas e periurbanas de Lugo, actuando en 7 vías e caminos de San Fiz"
O Goberno de Lugo vén de aprobar a adxudicación destes traballos por un orzamento de 80.302,57€
08 xul. 2024 - 08:42
Lugo, 06 de xullo de 2024. Rubén Arroxo, Tenente Alcalde do Concello de Lugo, anunciou que a concellería de Infraestruturas está a traballar na renovación do asfalto de 7 viais de San Fiz. Arroxo explicou que "continuamos a investir nas zonas urbanas e periurbanas de Lugo cunha nova actuación en zonas que presentaban un avanzado estado de desgaste".
O Goberno de Lugo renovará o asfalto da corredoira entre as vivendas 23, 22 e 19, a pista de acceso ao Camiño da Igrexa, 32, o camiño da Costa, a pista de acceso á Igrexa, a pista de acceso aos chalés, o acceso á Tolda e a rúa das Laxes. Os traballos que executará o Goberno de Lugo consisten en renovar a capa de rodadura para o tráfico rodado baseada en mestura asfáltica en quente, que asegurará o selado do firme ante a acción da auga superficial, mentres que nas rúas nas que actualmente se conta cunha capa de rodadura baseada en formigón, demolerase o pavimento actual e instalarase unha nova capa de formigón fibrado de 20cm de espesor, o que permitirá que conte con elementos de reforzo. Renovarase tamén a sinalización vertical e horizontal
Os traballos foron adxudicados por 80.302,57€, e contan cun prazo de execución de 8 semanas. "Continuamos a traballar na mellora dos barrios da cidade e das zonas industriais, mellorando a calidade de vida das veciñas e veciños que a diario utilizan estas rúas", afirmou Rubén Arroxo, que lembrou que nos últimos anos se realizaron intervencións para mellorar os espazos públicos en todas as rúas e zonas da cidade, planificando as necesidades tanto a través das solicitudes das veciñas e veciños como das distintas visitas aos barrios.