ALEXANDRE PENAS: "NOS VINDEIROS DÍAS COMEZARÁ O SOTERRAMENTO DAS INSTALACIÓNS ELÉCTRICAS DA RÚA, MELLORANDO A IMAXE DA CONTORNA"
A Tenencia de Alcaldía continúa a mellorar os espazos públicos de Lugo cunha actuación na rúa Rof Codina
Alexandre Penas: "Nos vindeiros días comezará o soterramento das instalacións eléctricas da rúa, mellorando a imaxe da contorna"
O edil destacou "a importancia desta actuación para mellorar a accesibilidade e a seguridade viaria nunha das zonas máis deterioradas do barrio"
Lugo, 12 de setembro de 2025. Alexandre Penas, concelleiro de Infraestruturas Urbanas, visitou a rúa Rof Codina, onde xa se executou a nova beirarrúa de formigón ruleteado. O edil explicou que "nos vindeiros días iniciarase o soterramento das instalacións eléctricas, reducindo o impacto visual e conseguindo unha mellor imaxe nesta rúa". Unha vez finalizado este paso, continuarase coa mellora da capa de rodadura da calzada e coa renovación da sinalización viaria.
A actuación abrangue un tramo duns 175 metros entre a Ronda das Fontiñas e a rúa Virxe da Esperanza, dividido en tres zonas diferenciadas. O proxecto inclúe o fresado da calzada, a aplicación dunha nova capa de mestura asfáltica tipo SMA, a mellora da sinalización vertical e horizontal, a instalación de balizas e a reubicación de bolardos para facilitar o paso de peóns e delimitar correctamente as zonas de estacionamento.
A obra contempla tamén a execución dun novo paso de peóns á altura dos números 35-37, conectando ambos lados da rúa.
"Estamos a desenvolver proxectos sostibles, con materiais de calidade e criterios técnicos rigorosos, que permitirán que estas melloras se manteñan no tempo", sinalou Alexandre Penas, que engadiu: "seguimos a actuar nos barrios, onde a veciñanza leva anos reclamando melloras, apostando por un modelo de cidade no que os espazos públicos sexan seguros, funcionais e pensados para as veciñas e veciños".