A Tenencia de Alcaldía continúa a renovación de rúas no Ceao cunha actuación na rúa da Inspección e o primeiro treito da rúa da Agricultura
Rubén Arroxo: “continuamos a investir na mellora das zonas industriais de Lugo”
Nas vindeiras semanas comezarán novos traballos no polígono industrial das Gándaras
Lugo, 19 de decembro de 2022. Rubén Arroxo, Tenente Alcalde do Concello de Lugo, anunciou que a concellería de Infraestruturas está a traballar na renovación dos espazos públicos na rúa da Inspección e no primeiro treito da rúa da Agricultura, no Ceao. Arroxo explicou que “continuamos a investir nas zonas industriais de Lugo cunha nova actuación en dúas rúas do Ceao que presentaban un avanzado estado de desgaste, tanto nas beirarrúas como na estrada”.
Os traballos que executará o Goberno de Lugo consisten en habilitar unha nova capa de rodadura para o tráfico rodado baseada en mestura asfáltica en quente, que asegurará o selado do firme ante a acción da auga superficial, o que asegurará que a intervención sexa duradeira. Ademais, renóvanse as beirarrúas, ampliándoas onde sexa posible e instalaranse novas canalizacións e sumidoiros, o que mellorará a drenaxe da rúa.
Os traballos foron adxudicados por 193.963€, e contan cun prazo de execución de 4 meses. "Continuamos a traballar na mellora dos barrios da cidade e das zonas industriais, mellorando a calidade de vida das veciñas e veciños que a diario utilizan estas rúas”, afirmou Rubén Arroxo, que lembrou que nos últimos anos se realizaron intervencións para mellorar os espazos públicos tanto no Ceao como nas Gándaras, mellorando a seguridade viaria e garantindo a boa accesibilidade tanto para os vehículos como para as persoas. Arroxo explicou que de cara aos orzamentos de 2023, a Tenencia de Alcaldía destina 200.000€ ”a continuar co mantemento e coa mellora das áreas industriais de Lugo”