A Tenencia de Alcaldía organiza visitas escolares á praza de Abastos e ao Mercado Municipal
A Tenencia de Alcaldía conta coa colaboración de estudantes do grao de nutrición da USC para realizar as visitas
Cristina López: “as nenas e nenos que realizan esta visita coñecen a importancia da alimentación e a calidade dos productos ofertados na Praza e no Mercado”
Lugo, 19 de decembro de 2022. O concelleiro de Educación, Felipe Rivas e Cristina López, responsábel da área de Participación, recibiron na Praza de Abastos a un grupo de nenas e nenos que participaron nas visitas escolares á Praza de Abastos e ao Mercado Municipal organizadas pola Tenencia de Alcaldía. A concelleira Cristina López explicou que o obxectivo desta actividade é conseguir que as nenas e nenos “coñezan a importancia da alimentación e que ao mesmo tempo visiten a Praza de Abastos e coñezan os productos de primeira calidade que se comercializan nestas instalacións”.
As visitas foron ofertadas a todos os centros de ensino de Lugo, e nelas, as nenas e nenos teñen a opción de realizar unha visita guiada á praza, onde coñeceron os distintos postos de ambas instalacións municipais, e productos e a importancia do comercio de proximidade e dos productos ecolóxicos e de KM0. Desde a área de Participación cóntase coa colaboración de estudantes do grao de Nutrición Humana e Dietética da USC na realización destas visitas.
“Continuamos a traballar para dinamizar a praza con este tipo de actividades, que permiten que as nenas e nenos coñezan as instalacións e os distintos postos”, afirmou Cristina López, que engadiu "buscamos que a veciñanza de Lugo aposten por realizar as súas compras na Praza e no Mercado, desfrutando da atención personalizada das e dos distintos comerciantes da instalación".