A Tenencia de Alcaldía adquire un programa informático que permite realizar simulacións de tráfico
Rubén Arroxo: “isto permitirá mellorar a capacidade de decisión do persoal técnico do concello á hora de planificar e ordenar o tráfico”
O programa permite simular o comportamento de todo tipo de vehículos e peóns, e permite planificar novos deseños no trazado urbano sen ter que realizar probas que afecten á circulación real de vehículos e persoas
Lugo, 20 de decembro de 2022. Rubén Arroxo, Tenente Alcalde do Concello de Lugo, anunciou que a concellería de Infraestruturas vén de adquirir un programa informático adicado a realizar simulacións de tráfico. Arroxo explicou que “o servizo de enxeñaría poderá mellorar a súa capacidade de decisión á hora de traballar na planificación e ordenación do tráfico”.
O programa, Amisun Next, ten como función principal a simulación de diferentes estratexias de tráfico, tendo en conta o comportamento de todo tipo de vehículos e dos peóns, “o que permitirá ao persoal técnico do concello planificar novos deseños no trazado urbano sen ter que realizar probas que afecten á circulación real dos vehículos e das persoas”, declarou Rubén Arroxo.
O Goberno de Lugo inviste 11.737€ na adquisición deste programa, “que facilitará o traballo que realiza o persoal de Enxeñaría, ao poder realizar as distintas simulacións precisas para levar adiante cambios de tráfico”.