A Tenencia de Alcaldía continúa a renovar a cidade con novas intervencións en tres zonas
Rubén Arroxo: “continuamos a mellorar os espazos públicos de todas as zonas de Lugo, garantindo o benestar da veciñanza”
Nos últimos días asfaltáronse viais en Castelo de Arriba e na Fervedoira, e nos vindeiros días actuarase na Cheda
Lugo, 22 de marzo de 2023. O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, anunciou que o Goberno de Lugo continúa a traballar na mellora das rúas de Lugo. Arroxo explicou que a Concellería de Infraestruturas realizou traballos nas zonas de Castelo de Arriba, no vial perpendicular á estrada da Fonsagrada, na Fervedoira, mellorando o acceso a 7 vivendas, e nos vindeiros días na Cheda, na unión da N-VI coa rúa Río Azúmara e no primeiro treito desta.
A solución executada pola Concellería de Infraestruturas consiste na creación dunha nova baseada en mestura asfáltica en quente, o que asegurará o selado do firme ante a acción da auga superficial, garantindo que a intervención sexa duradeira. Unha vez rematado o asfaltado, adaptáronse os rexistros á nova cota da vía e renovouse a sinalización horizontal.
"Seguimos traballando para mellorar a unión da zona urbana co rural, facilitando que a veciñanza conte con camiños que garantan a accesibilidade", explicou Arroxo, que engadiu "nestes anos realizamos este tipo de camiños en Albeiros e Castelo, e continuaremos a traballar na comunicación peonil segura e accesible en toda a cidade".