MAITE FERREIRO: "CON ESTA PLACA LEMBRAMOS A UNHA MULLER QUE TRABALLOU POLO BENESTAR DAS MULLERES DE LUGO, UNHA FIGURA HISTÓRICA QUE MERECE UN IMPORTANTE RECOÑECEMENTO"

A Tenencia de Alcaldía lembra a Ángela Pardo Celada, primeira muller xinecóloga en Lugo, atendendo á iniciativa impulsada pola familia

A edil de Cultura, Maite Ferreiro, acompañada de familiares da doutora, participou no acto de descubrimento da placa honorífica instalada en Campo Castelo, onde desenvolveu a súa actividade

Maite Ferreiro: "Con esta placa lembramos a unha muller que traballou polo benestar das mulleres de Lugo, unha figura histórica que merece un importante recoñecemento"

 

A Tenencia de Alcaldía lembra a Ángela Pardo Celada, primeira muller xinecóloga en Lugo, atendendo á iniciativa impulsada pola familia


 

Lugo, 14 de outubro de 2025. A área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, dirixida pola concelleira Maite Ferreiro organizou hoxe un acto de homenaxe a Ángela Pardo Celada, pioneira na medicina lucense e primeira muller que exerceu como xinecóloga na cidade. A edil Maite Ferreiro participou esta mañá xunto a familiares da doutora no descubrimento da placa honorífica situada en Campo Castelo, lugar no que a doutora desenvolveu boa parte da súa carreira profesional e onde atendeu durante décadas a xeracións de lucenses. O acto contou coa colaboración do Colexio Oficial de Médicos, o Colexio Oficial de Enfermaría, o HULA, o grupo CienciaNOSA da USC e a familia da médica.

 

Ferreiro salientou que "con esta placa lembramos a unha muller que traballou polo benestar das mulleres de Lugo, unha figura histórica que merece un importante recoñecemento". Ademais, subliñou que a súa traxectoria representa un exemplo de valentía e compromiso nun tempo no que o acceso das mulleres á formación universitaria e á práctica médica afrontaba importantes barreiras.

 

A Tenencia de Alcaldía quere así poñer en valor o papel das mulleres que abriron camiño na ciencia e na medicina, visibilizando o seu legado e mantendo viva a súa memoria. 

 

Ángela Pardo Celada foi a primeira muller que exerceu a xinecoloxía en Lugo. Nada en Becerreá no ano 1904, especializouse en xinecoloxía no 1927. Presentou a súa tese doutoral en Madrid, no ano 1940, despois de formarse en Alemaña. Posteriormente ese mesmo ano, abriu a súa consulta na cidade de Lugo, tarefa que compaxinou co traballo na sanidade pública, onde chegou a ser xefa de Xinecoloxía do Hospital de Lugo.

A Tenencia de Alcaldía lembra a Ángela Pardo Celada, primeira muller xinecóloga en Lugo, atendendo á iniciativa impulsada pola familia