A CANDIDATA DO BNG LEMBROU QUE O PLAN PARA A TINERÍA RECIBIU UN IMPORTANTE PREMIO DAS NACIÓNS UNIDAS CANDO O BNG XESTIONABA A CONSELLERÍA DE VIVENDA

“A Tinería reflexa o abandono no que Feijoo deixou a Lugo dende que chegou ao goberno” dixo Olalla Rodil

Olalla Rodil dixo que “a Xunta de Galiza, xestionada polo PP, retirou todos os fondos que estaban destinados a rehabilitar e rehabitar este barrio”

“A Tinería reflexa o abandono no que Feijoo deixou a Lugo dende que chegou ao goberno” dixo Olalla Rodil

Lugo, 31 de agosto de 2016. A candidata do BNG por Lugo, Olalla Rodil, dixo que “a Tinería reflexa o abandono no que Feijoo deixou a Lugo dende que chegou ao goberno”. Rodil visitou o barrio da Tinería acompañada do Cosme Pombo, parlamentario do BNG, que fora delegado de vivenda no momento en que se executou o plan de rehabilitación e rehabitación do barrio no goberno bipartito da Xunta de Galiza e anunciou “no novo tempo político que se vai abrir en Galiza a partir do 25 de setembro imos traballar para que este barrio teña a atención que merece”.

“Imos traballar para que este barrio teña a atención que merece”

Olalla Rodil dixo que “o BNG traballará para rematar o Plan empezado de rehabilitación do barrio da Tinería, para darlle vida aos edificios públicos da propia Xunta neste barrio, a rematar o Pazo de Doña Urraca que se podería converter nun Centro de Investigación de Asuntos Sociais para toda Galiza”. A candidata nacionalista dixo “que non se pode agardar mais, mentres hai familias con necesidade de vivenda, urxe a necesidade de creación de postos de traballo e a promoción económica, social e turística de Lugo. É estratéxico para Lugo a posta en valor do noso patrimonio, que o é tamén de toda a Humanidade”

IMG_8840O barrio da Tinería conta con varios edificios de propiedade pública sen rehabilitar cuxa finalidade era adicalos a vivenda protexida, mais tamén conta con varias vivendas públicas baleiras. Un edificio destacado é o chamado Pazo de Doña Urraca, que tamén está pendente de rehabilitación, e no que estaba planificado un Centro de Estudos e Investigacións Sociais que fora referente en toda Galiza.

Rodil lembrou que “hai pendente de rehabilitar dous edificios na Unidade de Intervención UI-8, que xa están adxudicados en concurso público. Serían destinados á creación de 12 apartamentos inter – xeracionais (para novos e maiores), un Centro de Día para o barrio e a posta en valor dos restos arqueolóxicos in situ”. Olalla Rodil lembrou como no período Feijoo 2009 – 2015 as partidas orzamentadas pola Xunta para Fomento da Rehabilitación de Vivenda recortáronse un 93 %, pasando de 76 a 5,3 millóns e as adicadas a Acceso de Vivenda sufriron un recorte do 86 %, de 108 a 14,8 millóns.

IMG_8831Premio Dubai de Boas Prácticas das Nacións Unidas

Asemade, Rodil, lamentou que a importante inversión feita neste ambicioso Plan, que ascendeu a mais de 30 millóns, estea desde o ano 2009 paralizada, e que fora merecente do Premio Dubai de Boas Prácticas outorgado polas Nacións Unidas. “A  Xunta de Galiza ten que comprometerse coa promoción económica, social e turística deste barrio da cidade, un barrio histórico, que leva 5 anos agardando por un compromiso firme da Xunta” dixo Olalla Rodil.

O citado premio valoraba a recuperación do patrimonio por unha iniciativa pública, a rehabilitación e rehabitación dun barrio á carón da Muralla de Lugo, porque posibilitaba a recuperación da actividade comercial e social do barrio, a creación de emprego así como o uso dos baixos, propiedade pública, para o emprendemento e mesmo usos institucionais, e a posta en valor do patrimonio arqueolóxico da zona.

 

“A Tinería reflexa o abandono no que Feijoo deixou a Lugo dende que chegou ao goberno” dixo Olalla Rodil