UNHA DELEGACIÓN DO BNG DE LUGO, ENCABEZADA POR RUBÉN ARROXO, ASISTIU AO PARLAMENTO XUNTO CON PRETO DE 60 VECIÑAS E VECIÑOS AFECTADOS
A veciñanza afectada pola planta de biogás prevista en Coeses asiste ao Parlamento Galego, onde o BNG presentou preguntas no pleno celebrado hoxe
O BNG reclamou á Xunta que retire a declaración de Iniciativa Empresarial Prioritaria
Unha delegación do BNG de Lugo, encabezada por Rubén Arroxo, asistiu ao Parlamento xunto con preto de 60 veciñas e veciños afectados
Lugo, 29 de xaneiro de 2025. Preto de 60 veciñas e veciños afectados polo proxecto de planta de biometano prevista en Coeses asistiron hoxe ao Parlamento de Galiza, onde a deputada do BNG Montse Valcárcel preguntou ao goberno se ían retirar a declaración de Iniciativa Empresarial Prioritaria a este proxecto.
O BNG defende que a Xunta ten que retirar esta declaración, que permite a simplificación e axilización de trámites administrativos. "Desde que se publicou o proxecto e deu comezo o período de alegacións, a veciñanza dos núcleos de poboación máis próximos están a mobilizarse pola grave afectación que a posíbel construción da planta terá nos seus fogares", afirmou Montse Valcárcel, que engadiu "trátase dunha actividade potencialmente contaminante e con malos cheiros recoñecidos no propio proxecto, que vai ser instalada a moi pouca distancia das vivendas".
Esta grave afectación recóllese expresamente no propio proxecto presentado pola empresa, que mesmo recoñece que a planta emitirá gases contaminantes así como o verquido de 76,7 m3 de augas residuais ao regato de Vilalbite, un afluente do río Miño.
"Distintos informes técnicos consideran que o actual proxecto que pretende instalarse en Coeses non ten garantías de seguridade ambiental, atendendo ao volume de auga que precisaría captar e ao tratamento dos residuos líquidos que logo serían devoltos ao río e, especialmente, na falta de eficiencia no control de cheiros", explicou a deputada do BNG, que destacou que "esta falta de seguranza tamén foi sinalada polo informe provisional emitido pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil, un informe desfavorable ao proxecto por considerar que o tratamento das augas residuais e a súa posterior evacuación a través do rego de Vilalbite non ten suficientes garantías".
Segundo distintas informacións, a empresa promotora ten a intención de solicitar o financiamento do proxecto con cargo a fondos europeos, a pesar dos efectos negativos que terá para o medio e para os veciños e veciñas.