LAMENTAN QUE A ACTITUDE DO PP SIGA A SER A DE NON CUBRIR AS VACANTES DE SAN ROMÁN NIN RESTITUÍR A ATENCIÓN SANITARIA EN DOIRAS
A veciñanza de Cervantes volve mobilizarse maña xoves para denunciar a situación sanitaria que segue a vivir este concello
Lamentan que a actitude do PP siga a ser a de non cubrir as vacantes de San Román nin restituír a atención sanitaria en Doiras
Cervantes, 8 de abril de 2026.- O Bloque Nacionalista Galego convoca para mañá xoves, ás 12.00 horas, unha concentración diante do centro de saúde de San Román (Cervantes) para denunciar o deterioro da atención sanitaria no concello e esixir á Xunta de Galiza que cubra de maneira permanente as prazas médicas e restitúa o servizo sanitario no consultorio de Doiras.
A mobilización prodúcese despois de que o Partido Popular siga a manterse no inmobilismo e non sexa quen de garantir a cobertura das dúas prazas de médicos no centro de saúde de San Román nin recuperar a atención sanitaria no consultorio de Doiras
A deputada do BNG por Lugo, Olalla Rodil, acusou ao PP de non facer “absolutamente nada” para garantir o dereito á saúde da veciñanza de Cervantes, malia coñecer perfectamente a situación que se vive no concello.
Rodil denunciou que a Xunta continúa facendo promesas que non se cumpren, como a reapertura normalizada do consultorio de Doiras ou a implantación do programa de enfermaría a domicilio do Sergas “Ariadna”. “Por honestidade e respecto á veciñanza deberían deixar de mentir e asumir as súas responsabilidades”, afirmou.
A deputada nacionalista lembrou que en apenas ano e medio o concello de Cervantes pasou de contar con dous médicos e unha enfermeira no centro de saúde de San Román e un médico e unha enfermeira en Doiras, a ter que atender toda a poboación cunha única médica e unha enfermeira para todo o municipio.
No caso de Doiras, explicou que o consultorio foi pechado no verán de 2024 e que, cando se reabriu parcialmente, só prestaba atención dous días á semana, sen cubrir a praza que quedara vacante. “Agora mesmo Doiras está pechado e toda a poboación depende do centro de saúde de San Román”, sinalou.
Rodil advertiu de que esta situación afecta a case mil persoas usuarias do sistema sanitario público no concello, cun total de 945 pacientes repartidos entre as cartillas médicas de San Román e Doiras.
“A sanidade pública perde calidade, accesibilidade e proximidade cando a xente ten que desprazarse máis de 20 quilómetros para poder ver un médico”, denunciou. Neste sentido, lembrou que moitas persoas de Cervantes viven en aldeas afastadas e carecen de transporte público, polo que dependen do seu propio vehículo, da axuda de familiares ou veciños ou incluso de pagar un taxi para poder recibir atención sanitaria.
A deputada do BNG subliñou ademais que Cervantes é un concello de alta montaña, cunha extensión de máis de 277 km² e cunha poboación moi envellecida, cunha media de idade próxima aos 60 anos. “Non estamos falando dunha cidade con servizos próximos; aquí a proximidade e a accesibilidade á sanidade pública brillan pola súa ausencia”, criticou.
Por todo isto, o BNG chama á veciñanza de Cervantes a participar na concentración convocada mañá ás 12.00 horas diante do centro de saúde de San Román para defender unha atención sanitaria pública digna, accesible e de calidade para o conxunto da comarca.