O Vello Cárcere acolle a exposición Flores Silvestres de Galiza, do pintor ourensán Consantino González
A exposición consta de 19 pinturas realizadas en óleo sobre lenzo mostrando as distintas flores silvestres que se poden atopar na Galiza
A mostra poderá visitarse nas celas de homes da pranta baixa ata finais de abril
Lugo, 23 de xaneiro de 2022. A concelleira de Cultura de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua visitou a nova mostra que vén de abrir ao público no Vello Cárcere. Maite Ferreiro destacou a mostra como “unha nova proposta para coñecer o patrimonio natural da Galiza e desfrutar da pintura de Constantino González”
A exposición Flores Silvestres de Galiza consta de 19 pinturas realizadas en óleo sobre lenzo mostrando a través da arte as distintas flores silvestres que se poden atopar nos montes galegos, como o toxo, os pampullos ou os croques. Cada pintura acompáñase dunha explicación sobre a historia desa flor, con datos como a orixe, as propiedades, o hábitat no que se atopa ou o seu período de floración. “Trátase dun traballo que combina a arte coa cultura e a paisaxe propia da natureza galega”, afirmou Maite Ferreiro
Constantino González (Ourense, 1950) aprende a debuxar aos 11 anos na Escola de Artes e Oficios de Vigo. Con 17 anos emigra a Venezuela, onde compaxina o seu traballo cos estudos de pintura e ilustración artística na Acedmia de Belas Artes de Caracas. Ao longo da súa traxectoria cultiva diferentes estilos, mais inclínase polo impresionismo no óleo sobre lenzo cuns trazos sinxelos, harmoniosos e alegres, con moita luz e fáciles de entender.