O BNG pregunta ao goberno galego polo ximnasio cuberto do IES Xoán Montes
Olalla Rodil: “a Xunta de Galiza ten que garantir que todo o estudantado conte con instalacións de calidade”
O grupo do BNG rexistrará iniciativas no Parlamento Galego para instar ao goberno a estudar as posibilidades de habilitar esta infraestrutura garantindo a protección patrimonial da Muralla
Lugo, 22 de xaneiro 2022. O Grupo do BNG no Parlamento Galego presentará iniciativas para que o Goberno Galego estude a creación dun ximnasio cuberto no IES Xoán Montes. A parlamentaria por Lugo, Olalla Rodil, explicou que “o Goberno Galego ten que garantir que todo o estudantado de Galiza conte coas instalacións precisas e de calidade suficiente para garantir o desenvolvemento do proxecto educativo”.
O BNG recolle unha reclamación da ANPA do IES Xoán Montes, que vén reclamando desde hai tempo a dotación deste centro cun espazo cuberto para a práctica deportiva. “Na actualidade, este centro apenas conta cunhas instalacións situadas no soto do centro, nas que non se pode cumprir as medidas derivadas da crise sanitaria, e unha carpa instalada no patio exterior”, afirmou a deputada do BNG.
O IES Xoán Montes atópase na contorna da Muralla e conta coa debida protección patrimonial, o que condiciona calquera obra ou actuación no edifico ou nos terreos próximos. Desde o BNG reclamarase ao goberno galego que estude todas as posibilidades para dotar a este centro de ximnasio cuberto, tendo en conta a debida protección patrimonial da Muralla.