O Vello Cárcere acolle a mostra de pintura e poesía Esguello, de Carolina Munáiz e Genaro da Silva
Maite Ferreiro inaugurou a mostra hoxe, xunto cos autores, no Vello Cárcere
A mostra poderá visitarse planta baixa do Vello Cárcere ata o 23 de xuño
Lugo, 23 de abril de 2022. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro participou na inauguración da exposición Esguello, artista plástica Carolina Munáiz e do poeta Genaro da Silva. Maite Ferreiro destacou a calidade artística desta obra, “que mestura imaxes e poemas para crear un traballo exploratorio nas orixes da pintura e no xermolo da palabra”..
Esguello poderá visitarse na planta baixa do Vello Cárcere ata o vindeiro 23 de xuño. A partir do traballo plástico de Carolina Munáiz emerxen unha serie de imaxes a partir do barro e dos pigmentos, que encoaran en poemas que pretenden indagar no humus primordial que se agocha detrás das formas. Os autores pretenden con esta proposta activar no espectador unha reflexión sobre aquilo que move a emoción e constrúe dende o indefiníbel a nosa sensibilidade.
Carolina Munáiz é docente na Escola Superior de Deseño de Moda Formarte da Coruña. Titulada en Ilustración pola EASD Pablo Picasso e con formación Primeiro Ciclo da Escola de Canteiros de Pontevedra (Premio Modelado, 2003). Compaxina a súa traxectoria pictórica con proxectos docentes de contido artístico, cursos incluídos recentemente na programación do Museo de Belas Artes da Coruña e no CGAC de Compostela.
Genaro da Silva é poeta e doutor en biodiversidade e ecosistemas. Entre as súas obras destacan Flor Negra (2018), Lahdnets (2018) ou O Pintor Cego (2021), alén de ter participado en numerosas publicacións colectivas e revistas.