RUBÉN ARROXO E MONTSE VALCÁRCEL MANTIVERON UN ENCONTRO COA VECIÑANZA ONDE ANUNCIARON INICIATIVAS PARA RECLAMAR Á XUNTA QUE AMAÑE ESTA SITUACIÓN
A Xunta gasta 1,2 millóns de euros para perxudicar á veciñanza de Casás
O novo aparcadoiro construído na Avenida Breogán verte auga ao principal acceso da veciñanza ao barrio
Rubén Arroxo e Montse Valcárcel mantiveron un encontro coa veciñanza onde anunciaron iniciativas para reclamar á Xunta que amañe esta situación
Lugo, 12 de outubro de 2024. O Tenente Alcalde e portavoz do BNG no Concello de Lugo, Rubén Arroxo e a deputada no Parlamento Galego Montse Valcárcel mantiveron un encontro coas veciñas e veciños de Casás afectados pola construcción do novo aparcadoiro por parte da Xunta de Galiza. A obra executada deixou os verquidos de augas directamente cara a un dos principais accesos ao barrio de Casás, o que impide que as veciñas e veciños poidan acceder ás súas vivendas especialmente en días de choiva.
A deputada do BNG, Montse Valcárcel, anunciou que o BNG trasladará esta situación ao Parlamento Galego e reclamará "unha solución máis axeitada para o tratamento das augas pluviais" ante o que considerou "un gasto de 1,2 millóns de euros que perxudica ás veciñas e veciños desta zona periurbana da cidade de Lugo".
Pola súa banda, o portavoz do BNG en Lugo lembrou que "a Xunta pode axudar a aumentar o número de prazas de estacionamento en Lugo sen facer inversións millonarias". Arroxo reclamou unha vez máis ao Goberno galego a apertura dos aparcadoiros en edificios dependentes da Xunta de Galiza, e criticou a postura do Partido PopularPP "marxinando á cidade de Lugo desde a Xunta mentes pide que desde o Concello se asuma máis traballo". O portavoz do BNG explicou que "o PP quéixase de falta de espazos de estacionamento na contorna do centro de Lugo, pero non é capaz de colaborar para solucionalo"