A Xunta de Goberno adxudica as actuacións para o novo Plan de Tráfico da Milagrosa
Dende a área de Mobilidade e Infraestruturas investiranse 39.352,13€
A licitación saíu adiante mediante un procedemento aberto simplificado
Lugo, 31 de decembro de 2019. Maite Ferreiro anunciou que a Xunta de Goberno aprobou a adxudicación, por un custe de 39.352,13€, das obras de sinalización para o novo Plan de Tráfico do barrio da Milagrosa, que realizará a empresa Estradas Galegas S.L.. Segundo Ferreiro, as actuacións terán un prazo de execución de 2 meses “e mellorarán a circulación do tráfico e a seguridade vial na zona”
Maite Ferreiro indicou que “entre as actuacións previstas para mellorar a seguridade dos veciños e veciñas da zona está o desprazamento de varios pasos de peóns”. Ademais, “reordenaremos o tráfico para aumentar a súa fluidez”. Maite Ferreiro anunciou que na Avenida da Coruña, modificarase o acceso á praza Agro do Rolo, a través dunha nova incorporación, a cal agora está habilitada provisionalmente para os buses urbanos.
Maite Ferreiro indicou que noutras rúas mudarán o sentido da circulación, entre elas, as rúas Xulia Minguillón e Mallorca cambiarán de sentido “creando así unha supermazá que una a avenida da Coruña e Yañez Rebolo, permitindo o xiro en sentido horario”.