RUBÉN ARROXO: “ESTA ACTUACIÓN LIGARASE CO ARRANXO DO SOTO DA PRAZA DE ABASTOS”
A Xunta de Goberno aproba iniciar o procedemento de licitación da peonalización de Quiroga Ballesteros
Unha vez licitada, a actuación terá un prazo de 10 meses para realizarse
Lugo, 17 de novembro de 2019. O Tenente de Alcalde, Rubén Arroxo, deu conta en rolda de prensa dos acordos da Xunta de Goberno do día de hoxe, nos que se inclúe a apertura do proceso de licitación da peonalización da rúa Quiroga Ballesteros e a renovación dos servizos da mesma. A Área de Mobilidade e Infraestruturas investirá así 1.172.000€ para unha actuación que, unha vez licitada, terá un prazo de 10 meses para estar rematada.
“Queremos que esta obra coincidise no tempo co arranxo do soto da praza de abastos, que está contemplado nos orzamentos que se levarán ao pleno mañá”, indicou Rubén Arroxo, que engadiu “no prazo dun ano, toda a veciñanza poderá desfrutar dun entorno totalmente renovado no Mercado Municipal e na Praza de Abastos, ademais de contar esta coa súa renovación completamente rematada”.
A Xunta de Goberno aprobou tamén a adxudicación do servizo de guindastre municipal á empresa Setex Aparki S.A., que entrará en vigor no mes de decembro cun custe de 465.000€ anuais, cun contrato dun ano prorrogable un ano máis.