A Xunta de Goberno reactiva procedementos das concellerías de Infraestruturas e Educación
Lugo, 11 de maio de 2020. O Tenente de Alcalde, Rubén Arroxo, anunciou que a Xunta de Goberno Local desta mañá aprobou reactivarmúltiples procedementos relativos ás concellerías de Educación e Infraestruturas Urbanas. Segundo indicou Rubén Arroxo, “trátase de procedementos iniciados antes da emerxencia sanitaria cuxa tramitación tivo que deterse e que se poden retomar co inicio do proceso de desescalada”.
Rubén Arroxo indicou que a concellería de Infraestruturas Urbanas abriu a contratación do servizo de mantemento das 62 caldeiras dos edificios municipais. Segundo Rubén Arroxo, “o contrato saíu a concurso en dous lotes cun orzamento total de licitación de 99.864€ no lote 1, que inclúe os edificios municipais, e 102.068€ para o lote 2, cos centros de ensino”. Rubén Arroxo afirmou que “debido ao mantemento preventivo que se realizará nas instalacións, o Concello de Lugo poderá aforrar gran parte da inversión en avarías que estaba realizando até o de agora”. Ademais, Rubén Arroxo declarou que “este contrato pon facilidades á Xunta de Galiza para que se faga cargo das caldeiras dos 18 centros de ensino, ao conformar a totalidade destas caldeiras un dos lotes do contrato”.
A Concellería de Infraestruturas Urbanas abrirá tamén o procedemento de adxudicación do servizo de mantemento e conservación de vías urbanas, que sae cun orzamento de 150.000€, a unificación do mantemento de sistemas de extinción de incendios, por 21.981€ e o servizo de mantemento, conservación e reparación dos edificios municipais por 100.000€ anuais.
Ao respecto da concellería de Educación e Difusión do Coñecemento, Rubén Arroxo anunciou a apertura da licitación dos servizos de cociña, comedor e lavandería das escolas infantís municipais Serra de Outes e Gregorio Sanz, para os que se reservan un total de 99.864€ en Serra de Outes e 102.068€ en Gregorio Sanz, por un período de 2 anos, xunto coa aprobación dos pregos do servizo de mantemento dos CEIP e Escolas Infantís Municipais, que contarán cun orzamento de saída de 85.000€.