O BNG DO CORGO DEFENDE QUE SE GARANTA O SUBMINISTRO ELÉCTRICO ÁS PERSOAS SEN RECURSOS
O BNG defenderá que non suba o recibo da luz neste 2014 e que Galiza conte cunha tarifa eléctrica acorde á súa situación como excedentaria de produción de enerxía
O BNG oponse con absoluta rotundidade a incrementos no recibo da luz eléctrica que só fan engordar as contas de resultados das grandes compañías eléctricas
O Corgo, 3 de febreiro de 2014. O BNG do Corgo defenderá no vindeiro pleno que se tomen as medidas necesarias para garantir o subministro eléctrico ás familias sen recursos. En Galiza hai máis de 650.000 persoas que están en situación de pobreza e 120.000 en estado de pobreza severa; hai 93.000 fogares con todos os seus membros no paro -12.000 máis que o ano pasado- e existen máis de 33.000 fogares sen ningún tipo de ingresos, confirmando datos terríbeis de pobreza infantil que no Estado español acada a cifra de 2,2 millóns de nenos e nenas por baixo do limiar da pobreza ou que 6 de cada 10 familias chegan con maiores dificultades a fin de mes.
O BNG do Corgo critica que aos recortes, ao copagamento nos servizos públicos ou á restrición no acceso a sanidade, hai que engadir a redución nas prestacións por desemprego, xunto coa futura eliminación de servizos que se prestan nos concellos, por causa da reforma local, ou as reformas que afectarán subsidios por desemprego ou as pensións. Estas medidas agrávanse coa permanente redución dos orzamentos do Estado español e da Xunta, e que, co encarecemento da enerxía, sexa o gas ou a electricidade, o desemprego ou a falta de recursos económicos, provocan cada vez máis vítimas da política de desamparo que desenvolven os gobernos do PP no Estado e na Xunta de Galiza contra a cidadanía en xeral. Cada vez máis persoas quedan sen prestacións ao esgotaren as axudas de protección social, sen emprego, sen fogar ou sen poder afrontar o pagamento de hipotecas, alugueres ou servizos básicos como a luz, o gas... ou simplemente poder alimentarse.
Por iso o BNG demandará que as institucións locais galegas, ademais de colaborar para garantir a prestación dos servizos sociais públicos e o apoio as persoas que o precisan, tamén deben impulsar diante do Estado español e da Xunta de Galiza iniciativas para demandar que a prestación de servizos básicos destinados aos grupos máis desfavorecidos e medidas específicas dirixidas a persoas en risco de exclusión social e con necesidades especiais que permitan contribuír a garantir o benestar, a saúde e calidade de vida nesta situación dramática que padecen. En consonancia con isto, hoxe, outro dos factores de vulnerabilidade para moitas familias galegas é a pobreza enerxética, e concretamente o subministro eléctrico as súas vivendas. Os datos referidos ao Estado español demostran que, antes de comezar a crise económica, o número de familias que sufrían un corte de luz polo impago do recibo da empresa subministradora era de 600.000 e, durante o ano 2012, foron 1,4 millóns de familias as que padeceron este corte no subministro.
Esta situación, en pleno inverno, faise especialmente dramática pensando que se poidan producir cortes do subministro en fogares sen recursos, un feito que agudizará aínda máis as penosas condicións de vida das persoas que os habitan.
Países europeos, como Francia, limitan durante o tempo invernal os cortes de subministro eléctrico a familias sen recursos que non teñen cartos para pagar o recibo da luz. Alemaña paga a calefacción e o aluguer das persoas en paro de longa duración. Cataluña acaba de prohibir os cortes de enerxía a familias na pobreza.
O goberno do Estado español xustifica o fortísimo incremento do recibo da luz dos últimos anos nun suposto déficit tarifario. Así, argumenta que o prezo da electricidade non cobre os custos de produción. Porén, isto é falso. A trampa reside na metodoloxía utilizada para o cálculo do custo de produción a través de poxas no mercado maiorista, o coñecido como pool eléctrico. Antes da liberalización do sector, ligábase o prezo da enerxía ao custo real de produción de cada unha das tecnoloxías.
O BNG oponse con absoluta rotundidade a incrementos no recibo da luz eléctrica que só fan engordar as contas de resultados das grandes compañías eléctricas. Cómpre avogar, pois, por unha reforma a fondo da normativa do sector eléctrico, tanto para corrixir os denominados inxustos e elevados beneficios que se xeran co formato actual de poxas de enerxía no mercado maiorista, co que se poría fin á escalada no incremento do déficit da tarifa, como para retornar a un modelo de maior intervención e control nun servizo esencial como o subministro eléctrico aos fogares, cuxa liberalización demostrou que beneficia exclusivamente ás grandes empresas enerxéticas a custo dunha política abusiva coa maioría das persoas abonadas.
Esta situación prodúcese nun contexto en que Galiza é excedentaria na produción de electricidade. Así, mentres padece os custos sociais e medioambientais que supón a xeración eléctrica, non obtén ningún beneficio desta condición. Nesta liña o BNG do Corgo demandará que se fagan as modificacións lexislativas necesarias para garantir o subministro enerxético ás familias que estean en situación de pobreza e, entre tanto, a Xunta de Galiza adopte medidas prácticas para evitar as dramáticas consecuencias desta problemática nos fogares galegos máis desfavorecidos.
O BNG cre necesario tamén demandar do Goberno do Estado español que non incremente o recibo da luz para o 2014 e que permita a creación dunha tarifa eléctrica galega que, atendendo á condición de Galiza como excedentaria na produción de electricidade, posibilite unhas menores tarifas tanto para o consumo doméstico como para as empresas.