Medallas Castelao, unha condecoración politizada
Nos últimos días veñen de entregarse as Medallas Castelao, condecoración de carácter civil outorgada pola Xunta de Galiza, e que, se supón, distingue a obra artística, literaria, e intelectual ou de calquera outro tipo de personalidade galega distinguida, creada en 1984, con motivo do retorno a Galiza dos restos de Castelao, recaeu, neste 2014, cando se cumpren 30 anos da súa creación, en personalidades como o procurador Juan Carlos Estévez Fernández-Novoa, Pilar Iglesias Osorio, o Obradoiro de Gaitas Seivane, o policía vigués Francisco Javier Pitillas Torras, e a aínda eurodeputada polo Partido Popular Carmen Fraga.
O presidente da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feijóo está a politizar a concesión destas condecoracións, utilizándoa para contentar a sectores do seu partido, ao mesmo tempo que despreza a figura de Castelao entregándolles as medallas deste ano ás momias vivas do partido popular, como é o caso de Carmen Fraga, a filla dun ministro de Franco co único mérito de arruinar, en Europa, ao sector do mexilloeiro galego.
Efectivamente Carmen Fraga estivo desempeñando o cargo de eurodeputada, que non deixa de ser un cargo público polo que recibiu a correspondente retribución económica. Resulta cando menos vergoñento que se lle conceda esta condecoración a unha persoa simplemente por exercer o cargo para o que foi electa, máis aínda pertencendo a un partido político que, máis intensamente nos últimos anos, está a deixar á deriva a nosa Galiza, tanto no ámbito económico, despoxándonos dos nosos sectores produtivos, como en eidos como a cultura e a lingua, dos que parecen avergoñarse e para os que anulan calquera tipo de axuda dende as institucións que gobernan.
Alén de todo o exposto, trátase dunha inxustiza a que está a cometer o Consello da Xunta de Galiza ao desbotar a proposta da Deputación de Lugo na concesión das Medallas Castelao 2014, para o lucense Xosé Chao Rego, quen desenvolveu un labor que constitúe unha contribución eminente á cultura galega, e que promoveu, co exemplo do seu compromiso inquebrantable ao longo da súa traxectoria vital e profesional, os valores propios de Galiza e as obras que levan ao esclarecemento e á mellora das súas persoas e institucións.
Artigo de opinión sobre as medallas Castelao
Mario Outeiro
Membro da Executiva comarcal do BNG de Lugo e Portavoz do BNG no Corgo
Delegado de Cultura e Turismo na Deputación de Lugo