A desidia do PP coas axudas RISGA
Nun recente informe de Cáritas, reflíctense uns datos de pobreza que ofrecen un panorama desolador, sobre todo na Galiza. O informe sinala que na Galiza a pobreza infantil pasou dun 16,9% en 2007 a un 22,2% en 2012. Asemade, indica que 30.000 fogares non reciben ningún tipo de ingresos, e son xa unhas 465.000 persoas as que viven na Galiza baixo o limiar da pobreza.
Uns datos que reafirma o Valedor do Pobo, xa que no último informe emitido por dito organismo ao Parlamento galego recolle neste último ano un aumento nas solicitudes de axudas sociais ante situacións de necesidade, como son as Rendas de Integración Social de Galicia ou as Axudas de Emerxencia Social, así como un incremento no número de queixas en relación con elas, sobre todo por denegacións que se consideraban inxustificadas ou por atrasos nas resolucións deses procedementos, que pola súa propia natureza deben resolverse con urxencia.
Entre esas queixas atópanse as de varios concellos e de moitas veciñas e veciños da Galiza, que denunciaron máis de sete ou oito meses de retrasos e incumprimentos nas tramitacións deste tipo de axudas, que se enmarcan no incumprimento da Lei de Inclusión de Galiza, que di que Unha vez finalizada a instrución do expediente, o órgano competente de ámbito provincial da Administración autonómica elaborará a correspondente proposta de resolución e ditará a resolución, que deberá ser notificada no prazo de dous meses desde a entrada da solicitude da RISGA en calquera dos rexistros do órgano competente para resolver.
Esta falta de interese do goberno de Feijoo, que máis parece unha falta de respecto ás familias que en Galiza o están a pasar verdadeiramente mal, é máis alarmante, se cabe, se temos en conta que, como ben explicaba ao principio, cada vez son máis os fogares galegos con menos recursos económicos.
E este significativo incremento das persoas en risco de exclusión social ben responde ás erráticas políticas económicas aplicadas durante todo este período de crise, unhas políticas que converten en papel mollado os propagandísticos anuncios da Xunta de Galiza relativos ao incremento da dotación na RISGA para este 2014, de apenas 7 millóns de euros, cando para o pagamento da débeda se consignaron sete veces máis, uns 53 millóns de euros; unha nova proba de que o Partido Popular deixa de lado aos veciños e ás veciñas con máis necesidades para poñerse do lado da banca e do grande capital.
Artigo de opinión sobre as axudas RISGA
Mario Outeiro
Membro da Executiva comarcal do BNG de Lugo e Portavoz do BNG no Corgo
Delegado de Cultura e Turismo na Deputación de Lugo