30 anos de precariedade laboral

30 anos de precariedade laboral

Durante os últimos 30 anos, as profesoras e profesores encargados de impartir os cursos do CELGA, máis coñecidos como “profesorado colaborador”, viñeron sufrindo unha situación de precariedade laboral, xa que durante todo ese período de tempo estiveron sen contrato, sen Seguridade Social e sen dereitos básicos laborais.

A pesar do irregular da situación, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, organismo dependente da Xunta de Galiza, publicou o pasado mes de xaneiro unha listaxe provisional dese profesorado colaborador para este 2014. Pero a situación deu un xiro de 180 graos cando os actuais docentes do CELGA denunciaron a precariedade laboral na que vivían. A Inspección de Traballo deulles a razón e, ademais da sanción correspondente á Xunta de Galiza, deu en alta de oficio a este conxunto de docentes na Seguridade Social con carácter retroactivo do tempo traballado nos últimos catro anos.

Nestes momentos, nos que a situación do profesorado colaborador se regularizou, resulta alarmante a postura adoptada polo goberno de Feijoo, unha postura que aínda así non debera sorprender dada a liña de recortes económicos e en dereitos sociais á que nos teñen acostumados. Neste caso, a actuación da Xunta de Galiza tradúcese nun novo recorte no profesorado e nun novo ataque á lingua galega. Un novo recorte porque despediu as e os docentes colaboradores para fomentar o pluriemprego ofrecéndolles impartir os cursos de galego a profesores e profesoras de secundaria como horas extras, e un novo ataque ao galego, restándolle importancia como lingua porque moitas das persoas ás que se lles ofrece impartir esas clases son licenciadas en filoloxía galega, pero non persoal docente.

Estamos ante un novo ataque, un novo paso da Xunta de Galiza no seu camiño de pisar os dereitos da lingua galega e os dereitos básicos da clase traballadora, así como de destruír empregos sen máis miramentos, algo que leva facendo dende a chegada do Partido Popular a esta institución.

Asemade, a Secretaría Xeral de Política Lingüística estase a converter nun instrumento represor do galego, cando a súa obriga sería potenciar o seu uso e a súa presenza en todos os ámbitos, entre eles o educativo, unha finalidade e un obxectivo que non só non cumpre, senón que nin tan sequera se propón.

 

Artigo de opinión sobre o profesorado do CELGA

Mario Outeiro

Membro da Executiva comarcal do BNG de Lugo e Portavoz do BNG no Corgo

Delegado de Cultura e Turismo na Deputación de Lugo

30 anos de precariedade laboral