Maio de Lingua
O mes de maio é universalmente coñecido como o mes das flores. Pero dende a área de Cultura da Deputación de Lugo queremos facelo coñecido como o mes da lingua, polo que neste 2014, vimos de pór en marcha un programa de actividades a desenvolver durante todo este mes coas que poñer en valor a cultura galega e fomentar o uso do galego en todos os niveis.
E o protagonista indiscutíbel deste Maio de Lingua non podía ser outro que Xosé María Díaz Castro, a quen este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas, un recoñecemento que nós queremos impulsar dando a coñecer a súa vida e obra. Unha creación artística, a do poeta dOs Vilares, representada na súa única obra editada en vida, Nimbos, no ano 1961, que reflicte unha fonda preocupación por Galiza, na que o poeta amosa a sociedade na que medrou, marcada pola miseria e a emigración.
Nesa liña, e no noso afán de facer xustiza a unha das figuras de referencia da literatura galega do século XX, organizamos o Maio de Lingua, que dá cabida a unha grande variedade de actividades nas que se mesturan música, contacontos, poesía ou teatro, entre outras.
Unha das nosas apostas é o Maio Miúdo xa que dende a área de Cultura somos conscientes da importancia de que as nenas e nenos teñan contacto coa lingua galega fóra da escola. Así, ao longo dos xoves do mes de maio, a partir das 17:30 horas, na Sala de Exposicións da Deputación, daranse cita contacontos como Soledad Felloza, A Tropa de Trapo ou Fran Rei; e tamén haberá espazo para a música, cun concerto didáctico impartido por Pablo Carpinteiro e Xosé Lois Romero, mestres da Tradescola.
Tamén forma parte deste proxecto Lingua Viva, unha proposta que puxemos en marcha dende a área de Cultura da Deputación xunto con Palimoco Teatro na procura dunha maior participación da cidadanía dentro do que é a actividade de celebración do Día das Letras Galegas. Neste sentido, o domingo 18 de maio, representarase polas prazas máis céntricas de Lugo a peza A beleza feriume para sempre, que actualmente se está a preparar nos obradoiros que está a impartir Paloma Lugilde con grande éxito de asistencia e no que as e os participantes están a estudar a vida a obra de Xosé María Díaz Castro, quen, coa súa vida e obra, deixou pegada noutros nomes senlleiros da nosa lingua e cultura como Novoneyra, Manuel María, Xesús Rábade, Cesáreo Sánchez Igrexas ou Darío Xohán Cabana, algúns dos nomes cos que Díaz Castro compartiu tempo e amor pola lingua e cultura galegas.
Completan esta programación a prol da lingua e da cultura galega Foliada na rúa, un circuíto de grupos de música tradicional; a proxección de documentais sobre referentes da nosa literatura como o propio Díaz Castro ou Celso Emilio Ferreiro; a noite nos museos con Noites de lume, contos e medo, así como distintos recitais de poesía.
E como se trata dun mes completo de actividades, Maio de Lingua non rematará até o día 31 cun pequeno festival nos xardíns do Museo de Lugo baixo o nome de Ei carballeira! Novos Cantares Galegos. Con este berro tan festeiro e tan galego queremos poñer en valor, unha vez máis, a nosa lingua, contando con grupos de mozas e mozos que están a facer música en galego sen complexos. Así, poderemos gozar da música de As Irmandades do Falo, de Superoito, de Arrythmia e de Ruxe Ruxe.
Artigo de opinión sobre Maio de Lingua
Mario Outeiro
Membro da Executiva comarcal do BNG de Lugo e Portavoz do BNG no Corgo
Delegado de Cultura e Turismo na Deputación de Lugo