O 1º de maio, un día festivo sen nada que celebrar
Onte foi o Día da Clase Traballadora. Un día festivo pero con moi pouco que celebrar, xa que moitos dos dereitos conquistados polas traballadoras e traballadores ao longo da historia esvaécense coas políticas neoliberais que o Partido Popular exerce tanto dende o Estado como dende a Xunta de Galiza. Unhas políticas que responden a unha preocupación ou case obsesión pola banca e polo capital financeiro e unha falla de sensibilidade polos sectores máis desfavorecidos da sociedade.
A día de hoxe, algúns ousan falar dunha mellora económica, outros denomínano brotes verdes ou, incluso, a luz ao final do túnel. Pero a realidade éche unha moi distinta, xa que para nada responde a unha mellora do eido económico a cifra de case 300.000 parados só na Galiza (segundo datos do INE); unha Galiza que, aínda por riba está vendo como tanto dende Madrid como dende o Hórreo se empeñan en desmantelar os seus sectores produtivos, como recentemente está a suceder co pesqueiro ou o forestal, dous dos nosos principais motores económicos.
A cifra dos 300.000 galegas e galegos en paro é devastadora, xa que leva implícito o engrosamento das filas do paro nunhas 16.000 persoas nos últimos tres meses, e o que se traduce en menos dun millón de persoas empregadas no País, xa sen entrar a valorar as condicións laborais cada día máis empobrecidas dos que teñen a oportunidade de traballar.
E máis devastadora é, se cabe, a cifra de desemprego xuvenil, que a día de hoxe se sitúa en preto de 80.000 desempregadas e desempregados en Galiza. Neste sentido, non hai que esquecer que máis de 118.000 mozas e mozos galegos emigraron ao estranxeiro nos últimos cinco anos, polo que de contabilizarse as persoas menores de 34 anos que tiveron que marcharse do país por falta de oportunidades, as listas de desemprego xuvenil engrosaríanse de forma aberrante.
Nesta liña tamén se viu incrementado o número de fogares con todos os seus membros en paro, en Galiza concretamente nun 6% máis respecto ao último trimestre do ano 2013, o que representa 5.600 fogares máis nunha situación límite.
Dende o Bloque Nacionalista Galego cremos que o que nos intentan vender como a única saída non é máis que unha solución equívoca. Saír da crise é posible sen extorsionar ás cidadás e aos cidadáns de a pé. Pódese acabar con esta situación incrementando o investimento público en servizos e infraestruturas, cunha banca pública de noso e empresas públicas que xestionen sectores estratéxicos como a enerxía, as telecomunicacións ou a vivenda, sen esquecer a mellora dos salarios e das condicións laborais.
Artigo de opinión sobre a clase traballadora
Mario Outeiro
Membro da Executiva comarcal do BNG de Lugo e Portavoz do BNG no Corgo
Delegado de Cultura e Turismo na Deputación de Lugo