COSME POMBO: "A SUBA DO IVE É INXUSTA PORQUE PAGA O MESMO BOTÍN QUE UN OBREIRO QUE ESTÁ NO PARO"
O cabeza de lista pola provincia de Lugo afirma durante un reparto de información na Praza de Abastos que a política económica do PP
fixo pechar a 5.000 pequenos e medianos comercios en Galiza
Lugo, 9 outubro 2012.- O cabeza de lista do Bloque Nacionalista Galego ao Parlamento Galego pola provincia de Lugo, Cosme Pombo, afirmou hoxe que a suba do IVE aprobada polo Partido Popular é inxusta porque paga o mesmo Botín que un obreiro que está no paro. Durante un reparto de información no Mercado e na Praza de Abastos da cidade de Lugo, o candidato do Bloque rexeitou a suba porque -dixo- a comida non é un produto de luxo, é un produto de primeira necesidade.
O cabeza de lista do Bloque por Lugo dixo que a política económica do PP, ademais de ser inxusta para a poboación e as clases populares, estrangula ao pequeno e mediano comercio deste país, que é o que crea emprego. Nos últimos tres anos como consecuencia de decisións como a suba do IVE 5.000 pequenos e medianos comercios de Galiza tiveron que pechar, denunciou.
Cosme Pombo dixo que o BNG defende unha política económica totalmente distinta que aposte polo crecemento e que faga que os impostos se paguen en función da renda de cada quen. Nun sistema tributario xusto non pode pagar o mesmo Botín que un obreiro que está no paro, afirmou.
O Bloque defende unha reforma da fiscalidade, establecendo unha taxa específica sobre os grandes beneficios da banca privada e as transaccións especulativas, e derrogar as subidas dos tipos impositivos no IVE, rebaixándoos aos niveis anteriores, e dun xeito específico adoptar unha tributación ao tipo superreducido do 4% de todos os bens e prestacións de servizos ligados á cadea alimentaria que aínda tributan a outros tipos superiores.
Banco de Terras, Grupo Lácteo Galego e Banca Pública Galega
Pola noite, en dous actos públicos na Fonsagrada e na Pastoriza Cosme Pombo defendeu as potencialidades de Galiza e da provincia de Lugo e acusou ao Partido Popular de Feijóo e de Rajoy de roubarlle os cartos aos obreiros a aos gandeiros para darllos aos banqueiros.
O cabeza de lista do Bloque por Lugo dixo que o obxectivo do BNG para sacar a Galiza da crise é poñer o país a producir. O agro, o sector lácteo, o sector cárnico ten que poder producir e os gandeiros e labregos deste país teñen que cobrar un prezo xusto polos seus produtos, porque é un sector económico básico na provincia de Lugo, é o que move a economía desta provincia, defendeu.
Puxo como exemplos a produción cárnica de calidade da Fonsagrada ou a produción de leite das explotacións da Pastoriza, unha das principais zonas produtoras de Galiza xunto a Castro de Rei e Cospeito. Na provincia de Lugo producimos cada ano 1 millón de toneladas e leite, cando no BNG falamos de poñer o país a producir falamos de crear empresas de transformación desa produción para crear valor engadido, defendeu Cosme Pombo.
Cosme Pombo explicou que as ferramentas que o BNG propón para poñer a producir o sector agrogandeiro son a recuperación do proxecto do Banco de Terras, paralizado polo PP dende que chegou á Xunta, a posta en marcha dun Grupo Lácteo Galego e a creación dunha Banca Pública Galega para aportar o financiamento necesario aos sectores produtivos deste país.
Por contra, dixo Cosme Pombo, o PP de Rajoy e de Feijóo só se preocupa polos touros da praza de Pontevedra, pero non polas vacas deste país. A nós, aos do BNG, o que nos preocupan son as vacas de leite e as vacas de carne galegas. Dos touros o único que dicimos é vaia lástima de bois!, afirmou.