A alcaldesa ten que explicarlles aos placeiros como vai facer as obras dixo Maite Ferreiro
Dende o BNG Asambleas Abertas sinalaron que o goberno municipal segue actuando sen falar coa xente e por imperativo
Rubén Arroxo e Maite Ferreiro mantiveron hoxe unha xuntanza con algúns dos placeiros que se verán afectados polas obras
Lugo, 14 de outubro 2015. Os ediles do BNG Asembleas Abertas mantiveron hoxe unha xuntanza con algúns dos placeiros que se verán afectados polas obras de remodelación que o concello terá que executar antes de finais deste ano. Entre as reivindicacións das persoas afectadas está a de evitar que as obras se realicen nesta época do ano que é unha das de maior actividade na praza de Abastos e no Mercado Municipal por confluír a celebración de Todos os Santos, do Nadal e do Entroido.
Ferreiro explicou, tras a visita á praza de Abastos, que os placeiros reclaman que lles deixen pasar as festas do nadal para executar as obras xa que é unha das épocas do ano nas que a actividade económica é maior. A edil nacionalista anunciou que o BNG Asembleas Abertas presentaralle, na vindeira Comisión de Desenvolvemento Económico, unha serie de preguntas para aclarar cal vai ser o plan de actuación do goberno municipal á hora de executar as obras.
Segundo explicou Maite Ferreiro a falta de planificación impide a instalación de novos postos xa que fai dous anos que se están proxectando as obras e aínda non se concretou a posibilidade de substituír os postos ou modificar a súa propiedade. Ferreiro sinalou que independentemente das liortas internas, que ten neste momento o PSOE, o goberno municipal ten que atender ás cuestións relativas ao funcionamento das instalacións do concello.
Os nacionalistas manifestaron tamén a súa preocupación pola posible desaparición e peche de establecementos tanto na Praza de Abastos como no Mercado Municipal. Algúns dos placeiros que tiñan contrato por dous anos non ten, neste momento, a posibilidade de prorrogar. Neste momento non se respecta a antiguidade e aqueles que xa están establecidos teñen que competir coas novas propostas en subasta sen ter en conta a inversión que teñen feita nos postos que ocupan na actualidade.