O BNG Asembleas Abertas propón mudar o sistema de adxudicación das barracas e das casetas do polbo
O concello debe traballar con barraquistas e hostaleiros para adaptar o San Froilán á realidade da situación económica actual asegurou a Maite Ferreiro
Maite Ferreiro sinalou que a afluencia de xente no domingo das mozas indica que hai que apostar polo caracter popular do San Froilán para garantir o seu futuro
Lugo, 13 de outubro 2015. A edil do BNG Asembleas Abertas no concello de Lugo, Maite Ferreiro, anunciou hoxe, tras o remate das festas do San Froilán, que o BNG Asembleas Abertas pedirá que se convoque unha xuntanza da comisión de festas no primeiro trimestre do vindeiro ano. Ferreiro apuntou que é necesario actualizar determinados aspectos no relativo á organización das festas patronais de Lugo para adaptalas aos tempos que corren e informou que levarán unha proposta á comisión para modificar o sistema de adxudicación dos postos do recinto feiral aproveitando que no ano 2016 toca volver sacar a concurso os postos.
A concelleira nacionalista asegurou que o concello debe traballar con barraquistas e hostaleiros para adaptar o San Froilán á realidade da situación económica actual e explicou que se perdemos casetas de polbo e atraccións no recinto feiral o San Froilán perde gran parte do seu atractivo. Os nacionalistas incidiron na necesidade de acometer unha revisión do sistema de adxudicación para procurar unha renovación anual das atraccións do recinto feiral e para garantir a presenza das cinco casetas do polbo cuns prezos adaptados ao poder adquisitivo da xente neste momento.
Maite Ferreiro insistiu en que o San Froilán debe reforzar as características que o definen como unha festa popular e de arraigo tradicional e sinalou que a afluencia de xente no domingo das mozas indica que hai que apostar polo caracter popular do San Froilán para garantir o seu futuro. Ferreiro lamentou a escasa presenza de visitantes durante a maior parte dos días das festas e dixo que as festas terán que actualizarse para adaptarse as realidades do momento e así manterse como as grandes festas do outono galego.