ARROXO AFIRMOU QUE CON POUCOS CARTOS PÓDENSE FACER GRANDES COUSAS
Arroxo propuxo chegar a acordos para crear zonas de pintada que contribúan a mellorar a imaxe do barrio no relativo á presenza de grafitis
Rubén Arroxo sinalou que hai que humanizar espazos como a praza do Agro do Rolo, buscar solucións aos problemas de estacionamento e adecentar o entorno para dar calidade de vida á xente da zona
Lugo, 29 de marzo 2015. O candidato do BNG-Asambleas Abertas, Rubén Arroxo, visitou a praza do Agro do Rolo acompañado do presidente de UNAVE, Valentín Árias, e de Daniel Cabana, membro da candidatura do BNG-AA. Arroxo lembrou que o BNG, no seu paso polo goberno municipal, xa deu pasos para humanizar esta praza, arredor da que viven moitas persoas, que ten que ser un espazo vivo. Rubén Arroxo sinalou que hai que humanizar espazos como a praza do Agro do Rolo, buscar solucións aos problemas de estacionamento e adecentar o entorno para dar calidade de vida á xente da zona.
Arroxo dixo que o actual alcalde xa enganou suficientemente á xente con proxectos para esta praza e engadiu que nos non imos prometer grandes inversións, imos aportar grandes solucións. O candidato do BNG-Asambleas Abertas, coincidiu con Valentín Árias en que unha das maiores preocupacións dos veciños é a falta de espazo para estacionar e adiantou que nesta zona hai moitas zonas sen edificar que se poden poñer ao servizo da xente para crear estacionamentos de xeito ordenado.
Temos claro que mellorar a praza do Agro do Rolo, igual que outras zonas de cidade, é cuestión de vontade e de escoitar ás persoas que viven na zona afirmou Arroxo. O candidato nacionalista apuntou a necesidade de eliminar as pintadas pouco estéticas e de chegar a acordos para crear zonas de pintada que contribúan a mellorar a imaxe do barrio. Para o candidato do BNG-AA esta praza carece de sombra para o verán, de abrigo para o inverno, de zona de xogos para os nenos e nenas e engadiu que facer esto non é unha grande inversión é cuestión de facer que Lugo funcione.