O BNG-AA seguirá traballando para que Lugo teña unha zona pública de baño dixo Arroxo
O BNG-AA presentará unha iniciativa no concello para coñecer as intencións do novo goberno municipal a este respecto
A alcaldesa ten que entender que esta é unha das principais demandas dos lucenses e terá que chegar a acordos con outras administracións para que se faga realidade afirmou Rubén Arroxo
Lugo, 18 de xullo 2015. O voceiro do BNG no Concello de Lugo, Rubén Arroxo, anunciou que que o BNG-AA vai seguir traballando para que Lugo conte dunha vez cunha zona pública de baño no Río Miño. Arroxo lembrou que xa no pasado mandato o BNG presentou numerosas iniciativas e fixo un especial seguimento deste asunto e engadiu que a alcaldesa ten que entender que esta é unha das principais demandas dos lucenses e terá que chegar a acordos con outras administracións para que se faga realidade.
Arroxo fixo referencia a que xa no ano 2009 o BNG iniciará os trámites para a creación desta zona pública de baño pero a actitude de inmobilismo dos gobernos do PSOE no concello e deputación fixo imposible a execución do proxecto. O BNG xa criticou, no seu momento, que os gobernos de Orozco e Besteiro non fixeron nada para que Lugo contase con zona pública de baño, mentres se permitía a instalación dunha gasolineira a escasos metros do río Miño.
A área de baño, ademais de cumprir todas as normativas e respectar as proteccións coas que conta o tramo do río Miño que discurre polo concello de Lugo, estará deseñada para evitar que supoña impacto visual nin medioambiental non lugar onde se instale. Ademais implementaranse as medidas precisas para que este espazo sexa totalmente accesible e facilite o baño das persoas con algún tipo de discapacidade ademais de ter un área especialmente deseñada para o disfrute acuático dos máis cativos.
Rubén Arroxo incidiu en que tamén o PP estivo a facer propostas sobre unha praia fluvial despois de que o BNG tomara a iniciativa, entendemos que Jaime Castiñeira pedirá, agora, o apoio do goberno provincial e da Xunta para que este proxecto se leva a cabo xa que o importante é que os lucenses teñan a opción de pasar o verán nunha zona pública de baño e, aínda que para este ano non vai ser posible, traballaremos para que no 2016 sexa unha realidade.
Nota: Achégase corte de voz.