O BNG-Asembleas Abertas solicita o repintado dos pasos de peóns máis estragados
Para Rubén Arroxo é unha cuestión de seguridade, polo que non se pode deixar no esquecemento
Lugo, 10 de agosto, 2015. O BNG - Asembleas Abertas solicítalle ao concello que inicie un repintado dos pasos de peóns, posto que algúns están moi borrosos ou totalmente eliminados. En concreto o grupo nacionalista mencionou os da rúa Montevideo, por ser esta unha das zonas de Lugo con máis tránsito peonil, e onde practicamente non se ven as pinturas dende o vehículo. Tamén resaltaron dende as filas nacionalistas o da inserción da rúa Paradai de Arriba ca rotonda de Miguel de Cervantes, onde tras as obras para arranxar o afundimento do pavimento, eliminouse o paso de peóns e a día de hoxe aínda non se repintou, o cal crea un perigo importante para as persoas que se moven a pé por tratarse dunha vía de dous carrís. Rubén Arroxo sinalou a respecto disto que é unha cuestión de seguridade, polo que non se pode deixar no esquecemento, lembrando tamén a insistencia do BNG-AA por crear un casco urbano seguro para o movemento peonil se queremos ter unha cidade na que se poida apostar por andar, pola bicicleta, ou calquera alternativa que nos permita usar menos o coche, debemos dar solución a estas pequenas cousas.
O voceiro nacionalista lembraba que Lugo é un concello cun alto índice de atropelos ao ano, polo que hai que traballar para a súa redución, e aproveitou para recordar que o seu grupo municipal está iniciando un proxecto para apostar polo uso da bicicleta como alternativa para reducir o uso do coche, onde tamén prevén estudar a redución de velocidade en moitas das rúas e avenidas de Lugo como unha forma máis para garantir a seguridade. En Lugo a maioría de rúas dun só carril, estreitas e en zonas residenciais están limitadas a 50km/h, a mesma limitación que atopamos en moitos dos tramos das estradas nacionais, e iso non ten xeito
Finalmente o concelleiro do BNG-Asembleas Abertas tamén fixo un chamamento a que se estudara a posibilidade de executar máis pasos de peóns elevados na zona urbana, posto que nas súas palabras a experiencia destes sistemas amosa unha radical redución de atropelos, e permite unha maior accesibilidade ás persoas con algún tipo de discapacidade física, a maiores de lograr calmar o tráfico