O BNG CHAMA AOS LUCENSES A PARTICIPAR NA MANIFESTACIÓN DE APOIO AO SECTOR LEITEIRO

O BNG CHAMA AOS LUCENSES A PARTICIPAR NA MANIFESTACIÓN DE APOIO AO SECTOR LEITEIRO

Rubén Arroxo e Maite Ferreiro visitando unha explotación de leite

Rubén Arroxo pediu a implicación “real” do goberno municipal de Lugo e reclamou que o concello poña autobuses gratuítos ao servizo de quen queira acudir

Os nacionalistas levarán unha proposta para que o Pleno da corporación inste aos gobernos da Xunta e Estado a apoiar o sector lácteo galego

Lugo, 14 de xullo 2015. O voceiro do BNG-AA no concello de Lugo, Rubén Arroxo, pediu a implicación "real" do goberno municipal no apoio ao sector lácteo. Arroxo convidou a participar a todos os lucenses na mobilzación de apoio ao sector leiteiro que terá lugar este venres ás 12:00 en Santiago de Compostela. Rubén Arroxo instou ao goberno municipal a prestar o seu apoio a esta mobilización fletando autobuses ou medios de transporte para facilitar a asistencia á manifestación do venres.

Arroxo anunciou, tamén, que o BNG-AA levará unha moción ao vindeiro pleno do concello de Lugo para que a corporación municipal inste aos gobernos da Xunta e do Estado a tomar medidas para garantir a pervinvencia deste sector. Arroxo afirmou que “A situación do sector lácteo en Galiza a día de hoxe pódese cualificar de dramática. Após o inicio desta campaña, a primeira logo da desaparición das cotas lácteas e en que a produción fica totalmente liberalizada, a situación en Galiza estase volvendo absolutamente insostíbel para as explotacións”.

O voceiro nacionalista sinalou que “levamos varios meses de caídas continuadas dos prezos en orixe que obrigan ás explotacións a vender o seu produto por debaixo dos custes de produción e afrontando importantes perdas”. Esta situación deriva da nula capacidade de negociación para os e as gandeiras que se ven sometidas aos ditados das grandes multinacionais da industria que, como xa denunciou mesmo o Tribunal da Competencia, estabeleceron un complot para provocar esa baixada de prezos, sen que o Goberno mova un dedo para defender o sector ou protexelo ante esa situación.

“Esta práctica ten consecuencias especialmente graves en Galiza, onde actualmente xa se están asinando contratos por debaixo dos 20 céntimos” explicou Arroxo e engadiu que “desde o Bloque Nacionalista Galego, vimos denunciando desde hai meses que, coa liberalización do sector, na práctica as industrias son as que estabelecen agora as novas cotas á produción, deixando totalmente desvalido o sector produtor”.

O BNG CHAMA AOS LUCENSES A PARTICIPAR NA MANIFESTACIÓN DE APOIO AO SECTOR LEITEIRO