O BNG ESIXE NO PARLAMENTO GALEGO QUE NON SE PECHEN CAMAS NO HULA
O PP pechará máis de 1.000 camas nos hospitais públicos para favorecer o negocio dos privados
O BNG insta á Xunta a realizar as contratacións e substitucións precisas de persoal para non proceder ao peche de camas nos centros hospitalarios do Sergas
Lugo, 10 de xullo 2015. O parlamentario do BNG, Cosme Pombo, informou que a formación que representa levou ao Parlamento Galego unha iniciativa para evitar o peche de camas no HULA. Pombo sinalou que a Xunta do Partido Popular persiste na súa política de peche masivo de camas nos centros hospitalarios da rede pública de Galiza durante os meses de verán e engadiu que o número de camas que non van estar operativas durante a época estival deste ano 2015 vai ser de 1.015.
Para o BNG as políticas do PP, de recortes e privatizacións, teñen afogada á sanidade pública galega. Pombo explicou que neste contexto a Xunta de Galiza está incrementando ano a ano a súa política de peche de camas, especialmente na época estival, e isto ten moi graves consecuencias tanto no eido asistencial como no eido laboral. O BNG insta á Xunta a realizar as contratacións e substitucións precisas de persoal para non proceder ao peche de camas nos centros hospitalarios do Sergas.
Pombo asegurou que no eido asistencial esta decisión vai significar unha maior dificultade aoacceso ás prestacións sanitarias por parte da poboación galega, aumento das listas de espera,saturación dos servizos de urxencias e unha moi importante repercusión na presión sobre @s profesionais sanitari@s para reducir o número de ingresos e rebaixar as estancias hospitalarias así como no emprego do sector sanitario e afirmou que o obxectivo final desta política sanitaria será máis derivacións de doentes a centros hospitalarios privados.
No eido laboral, o peche de camas nos centro públicos, vai significar o aumento do desemprego do persoal sanitario, porque estas camas pechadas inciden tamén no desmantelamento do emprego público, impedindo o acceso ao emprego d@s miles de traballador@s que están inscritos nas listas de contratación. O Bloque Nacionalista Galego considera indecente este peche de camas cando hai miles de galegos e galegas en listas de espera, miles de profesionais nas listas de contratación, e cando se privatizan continuamente servizos e se derivan sistematicamente doentes á sanidade privada.