O BNG DENUNCIA A FALTA DE CAPACIDADE DO GOBERNO DE OROZCO PARA XESTIONAR AS AXUDAS AO ALUGUEIRO
Paz Abraira informou que o concello non foi capaz de poñer en marcha o programa de axudas ao alugueiro do 2013 ata esta última semana do ano
Os nacionalistas manteñen a súa postura de non negociar os orzamentos de 2014 co PSOE xa que non so capaces de executar aquelo que acordan
Lugo, 20 de decembro de 2013. Tras a xuntanza da comisión encargada de abordar as axudas para o alugueiro de vivenda, dentro da empresa pública EVISLUSA, a edil nacionalista Paz Abraira informou de que o concello non foi capaz de poñer en marcha o programa de axudas ao alugueiro do 2013 ata esta última semana do ano. Abraira sinalou que o goberno municipal contaba este ano con 300.000 para estas axudas, 150.000 procederían da partida correspondente do orzamenteos e enadíronselles outros 150.000 procedentes das condicións que o BNG puxo no seu momento para a aprobación dos remanentes. Despois da xuntanza Abraira dixo que o BNG ratifícase en que non vai negociar os orzamentos co PSOE dado que non son capaces de executar aquelo que acordan.
Paz Abraira ve inxustificable que os responsables do goberno de Orozco non fosen quen de executar o programa de axudas ao alugueiro ata a derradeira semana do ano e engadiu que resulta lamentable que un goberno municipal non sexa quen de usar os mecanismos cos que conta para garantir a calidade de vida dos veciños. Este ano somentes percibiron axudas para o alugueiro de vivenda aquelas persoas ás que lles foi concedida a prorroga por que xa viñan recibindo axudas de anos anteriores, aproximadamente uns 200 beneficiarios.
Neste ano 2013 non foron concedidas novas axudas a pesares de que o goberno municipal contaba con partidas orzamentarias suficientes para satisfacer as demandas existentes. Foron un total de 361 as persoas solicitantes das cales quedaro excluidas 5 por presentar a solicitude fora de prazo, houbo 7 renuncias, 41 solicitantes presentaron a documentación fora de prazo, e 129 non cumpren requisitos; ademais 27 non compren condicións as vivendas e 4 quedaron excluidos por motivos varios.
As partidas destinadas ás axudas ao alugueiro quedaron sen gastar por que o goberno municipal negouse a ter en conta as propostas para a modificación das bases de adxudicación feitas polo BNG. Unhas propostas que pretendían reducir a excesiva burocratización que conduce a que moitos cidadáns no poidan, finalmente, accedeer ás axudas.
Moitas das persoas que non percibiron axuda neste ano 2013 recurren á emerxencia social co cal se detraen fonfos desta partida mentres as partidas destinadas ás axudas ao alugueiro permanecen intactas pola falta de capacidade de xestión do goberno. Abraira criticou tamén as políticas de vivenda do PP na Xunta de Galiza que, a pesares de ser os autenticos responsables nesta matería, están a aplicar numerorsos recortes en perxuicio nesta materia como é o caso do programa Aluga.