O BNG PIDE AO PP QUE OBRIGUE AO ALCALDE DE BARALLA A PRESENTAR A SÚA DIMISIÓN

O BNG PIDE AO PP QUE OBRIGUE AO ALCALDE DE BARALLA A PRESENTAR A SÚA DIMISIÓN

Antonio Veiga advirte a Barreiro, Balseiro e Feijóo que non aparcar a González Capón da vida política os converte en cómplices das súas declaracións e certifica o carácter terrorista do Partido Popular

Lugo, 8 agosto de 2013.  A Xunta de Portavoces da Deputación Provincial de Lugo, reunirase mañá venres, ás 11:45 horas, na Sala de Xuntas da institución, a instancias do Grupo Provincial do Bloque Nacionalista Galego tras as declaracións do alcalde de Baralla e deputado provincial, Manuel González Capón, nas que facía apoloxía do franquismo ao afirmar que ‘os  que foron condenados a morte será porque o merecían.’

Para o deputado nacionalista e vicepresidente da Deputación lucense, Antonio Veiga, estas afirmacións “son unha auténtica barbaridade que non se pode deixar pasar; constitúen un ataque a todas as vítimas do franquismo, que só na nosa provincia superan as 3.000 persoas, e ás súas familias. Se as verbas de González Capón son lamentábeis, non o é menos a actitude adoptada neste asunto polos dirixentes do Partido Popular de Lugo e Galiza. Non é suficiente con que lamenten a súas declaracións, é preciso que o obriguen a presentar a dimisión de todos os seus cargos.”

Desde o Bloque Nacionalista insístese en que “na vida política actual non ten cabida unha personaxe como o alcalde de Barralla e deputado provincial que defende ao réxime e, por tanto, a   violencia e o asasinato como xeito de facer política. A única forza política do Estado que non condena os asasinatos, unha vez que a esquerda abertzale se desmarcou de ETA, é o Partido Popular.”

Veiga considera que a falla de contundencia do presidente e secretario dos populares lucenses, Xosé Manuel Barreiro e Xosé Manuel Balseiro, respectivamente, e o presidente do PP galego e presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e a súa negativa a pedir a dimisión de González Capón, “os sitúa na mesma posición política que ocupaban os dirixentes Batasuna nos anos 80 e 90. Non apartar ao alcalde de Barralla das súas responsabilidades políticas certifica o carácter terrorista do Partido Popular.”

Os nacionalistas advirten, tamén, que as declaracións de González Capón sitúanse no límite da legalidade vixente ao ser contrarias aos principios da Lei da Memoria Histórica e esperan que, na Xunta de Portavoces da Deputación, que se celebrará mañá, a portavoz do Grupo Provincial do Partido Popular no ente, Elena Candia, reprobe as declaracións de González Capón e pida a súa dimisión.

O BNG PIDE AO PP QUE OBRIGUE AO ALCALDE DE BARALLA A PRESENTAR A SÚA DIMISIÓN