O BNG PRESENTARÁ INICIATIVAS NO FORO DE IGUALDADE DO CONCELLO
Retirar a publicidade que denigra a imaxe da muller e un posicionamento sobre as medidas do goberno, en canto ao tratamento da violencia de xénero, serán as demandas que o BNG defenderá
A edil nacionalista, Paz Abraira, cualificou como alarmantes as cifras de mulleres atendidas, por violencia de xénero, na Casa da Muller do Concello de Lugo
Lugo, 7 de agosto de 2013. A edil nacionalista, Paz Abraira, avaliou hoxe as cifras sobre atención a mulleres ofrecidas onte pola concelleira de Benestar Social e Igualdade do Concello de Lugo. Para o BNG resulta alarmante que 887 mulleres foran, dalgún xeito, vítimas da violencia de xénero e 583 presentaran denuncia. Abraira criticou duramente a aplicación, por parte da Xunta e do Goberno do Estado, de recortes e a aplicación de medidas que deixan nunha situación de absoluta desprotección a estas mulleres.
Abraira centrou as súas criticas na medida anuciada polo Ministerio de Sanidade, Servicios Sociais e Igualdade que somentes considerará, a efectos estadísticos, a aquelas mulleres feridas por violencia de xénero se permanecen máis de 24 horas hospitalizadas. Abraira dixo que parece que para o PP pegarlle un pouco a unha muller non é delito e non debe ser considerado violencia de xénero.
Paz Abraira anunciou que o BNG presentará iniciativas para ser tratadas no Foro de Igualdade do Concello de Lugo. Unha das iniciativas terá como obxectivo acadar un posicionamento de todas as entidades e forzas políticas con representación no Foro de Igualdade sobre o novo sistema de reconto de mulleres feridas por violencia de xénero anunciada pola ministra de Sanidade, Servicios Sociais e Igualdade. Un balance estadístico que o Goberno do Estado pretende aplicar a partir de xaneiro de 2014 e que deixará fora ás mulleres agredidas que permanezan no hospital menos de 24 horas, ás que acudan ao médico de cabeceira ou ás que vaian a un centro de saude.
O BNG tamén levará ao Foro de Igualdade do Concello de Lugo outra iniciativa para solicitar, unha vez máis, que o concello elabore unha Ordenanza reguladora da publicidade que impida denigrar a imaxe da muller, nin empregala como reclamo publicitario en vía pública nin en espazos privados que se observen desde a mesma. O pleno do concello xa aprobou, cos votos en contra do partido popular, unha proposición do BNG neste mesmo senso no pleno celebrado o pasado 4 de marzo de 2013. O BNG denunciou, no mes de xullo, a utilización da imaxe da muller como mercadoría en diferentes valos publicitarios nas rúas da cidade e demandou que o goberno municipal se poña a traballar na regulación da publicidade nos espazos públicos da cidade.