VEIGA ESÍXELLE A BARREIRO QUE DESAUTORICE AS VERBAS DO ALCALDE DE BARALLA E O OBRIGUE A DIMITIR
O Bloque Nacionalista Galego presentará unha moción para o vindeiro pleno da Deputación na que solicitará a condena unánime ás declaracións de González Capón, tamén deputado provincial
Lugo, 6 de agosto de 2013. O vicepresidente da Deputación Provincial de Lugo, Antonio Veiga, esixe ao presidente do Partido Popular de Lugo, Xosé Manuel Barreiro, que condene as declaracións do alcalde de Baralla, Manuel González Capón, nas que xustificou as mortes do franquismo afirmando que os que foron condenados a morte será porque o merecían , e o obrigue a dimitir de xeito inmediato.
Para Antonio Veiga, cada minuto que pasa sen que o dirixente dos populares lucenses desautorice esta afirmación é tempo no que está apoiando o xenocidio que representou o franquismo. Ademais, e dada a gravidade dos feitos, os nacionalistas entendemos que tamén debe pronunciarse sobre o sucedido o presidente dos populares galegos e presidente da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feijóo, quen ten que aclarar se a formación á que representa segue apoiando a represión franquista ou se pola contra defende a democracia.
Unha persoa cos plantexamentos políticos do alcalde de Baralla continuou o vicepresidente da Deputación de Lugo- non ten cabida nun escenario político como o actual, no que incluso as súas declaracións rozan a ilegalidade ao chocar co establecido na Lei da Memoria Histórica. Mais á marxe das cuestións legais, as afirmacións do tamén deputado provincial son contrarias a principios morais básicos como a defensa da vida ou a condena á violencia que son ao mesmo tempo principios democráticos.
O BNG presentará unha moción na Deputación
Antonio Veiga anunciou que o Grupo Provincial do BNG presentará unha moción para o seu debate no vindeiro pleno da Deputación na que se solicitará que os tres grupos con representación na institución condenen de xeito unánime a apoloxía do crime e do asasinato feita polo rexedor municipal de Baralla. Non estamos ante as palabras dun militante calquera do PP senón dun alcalde e deputado provincial cualificado. Esperamos que o Grupo Provincial do Partido Popular, empezando pola súa portavoz, Elena Candia, apoie esta moción e condenen as verbas do seu compañeiro. Aínda que entendemos que esperar ao pleno para amosar unha condena unánime non pode ser escusa para que a señora Candia explique a súa opinión ao respecto; non pode esperar á celebración da sesión plenaria, debe posicionarse inmediatamente. Os populares teñen diante súa unha situación idónea para rachar coa súa posición tradicional de defensa do franquismo como xa amosaron no pleno da Deputación durante o debate sobre a retirada do título de fillo adoptivo da provincia da Franco.
O BNG pide ao Partido Popular que baixe do monte, saque a camisa azul e o correaxe e se comporte conforme ao que establece a práctica democrática normal e non de acordo aos principios fundamentais do movemento.