O BNG ESIXE QUE O PP SE POSICIONE SOBRE AS AFIRMACIÓNS DO ALCALDE DE BARALLA SOBRE O FRANQUISMO
O concelleiro do BNG en Baralla, Xosé Manuel Becerra, dixo que a frase é a que é e significa o que significa, dentro ou fora de contexto
O BNG pediulle á secretaria que constasen na acta as verbas do alcalde Os que foron condenados a morte (no franquismo) será porque o merecían
Lugo, 6 de agosto de 2013. No último pleno celebrado no concello de Baralla, o alcalde Manuel González Capón (PP) xustificou a represión franquista dicindo que "so que foron condenados a morte será porque o merecían". O rexedor de Baralla e deputado provincial do PP, no cargo desde 1987, levou a esta sesión unha moción para pedir a condena de Resistencia Galega. O alcalde foi así de contundente, afirmando que os e as asasinadas polo franquismo merecían tal fin, durante o debate co voceiro do BNG, Xosé Manuel Becerra Pardo con quen mantivo un forte enfrontamento. O nacionalista esixiu que constasen en acta as verbas do alcalde.
O voceiro do BNG no concello de Baralla, Xosé Manuel Becerra Pardo, compareceu hoxe ante os medios de comunicación acompañado da responsábel comarcal, Esther López, e insistiu en que o PP tense que pronunciar sobre o apoio á represión franquista do alcalde de Baralla. O edil nacionalista dixo que aínda que agora se queiran excusar a frase é a que é e significa o que significa, dentro ou fora de contexto. Becerra lembrou que o alcalde chegou a comparar o réxime de Franco co dos Estados Unidos xa que, segundo el, a pena de morte se executa despois dun xuízo.
Para Xosé Manuel Becerra estas evidencian unha postura que xa se ten dado, en outras ocasións, no partido popular a respecto da etapa franquista. Becerra lembrou que no propio pleno lle dixo ao alcalde que o que estaba a dicir era unha barbaridade. O edil do BNG dixo tamén que ao o PP éncheselle a boca para condenar outras ditaduras mentres que non ocorre o mesmo coa que sufriu o estado español.
O BNG presentará unha moción na Deputación
A responsábel comarcal do BNG de Lugo, Esther López, lembrou que o vicepresidente da Deputación xa anunciou hoxe que o Grupo Provincial do BNG presentará unha moción para o seu debate no vindeiro pleno da Deputación na que se solicitará que os tres grupos con representación na institución condenen de xeito unánime a apoloxía do crime e do asasinato feita polo rexedor municipal de Baralla. Esther López dixo que o BNG esíxelle aos órganos de dirección do PP que se posicione sobre as declaracións do rexedor de Baralla que tamén é deputado provincial.