A INFANTA ELENA VOLVE SUFRIR UN SOCAVÓN
Paz Abraira reclámalle ao concello a sinalización inmediata do socavón e que se lle esixa á Xunta de Galiza unha solución definitiva para este vial que presenta constantes problemas no firme desta zona
O firme xa fora arranxado pola Consellería de Política Territorial fai aproximadamente un ano e medio cando o BNG ostentaba as responsabilidades na área de infraestruturas do concello de Lugo
Lugo, 5 de agosto de 2013. A edil do BNG no concello de Lugo, Paz Abraira, denunciou a existencia dun novo socavón no entronque da avenida Infanta Elena coa rotonda que une esta avenida coas rúas Monforte, río Sil e Miguel de Cervantes. Abraira solicitou do concello que se proceda a inmediata sinalización do bache para evitar problemas na seguridade do tráfico nesta zona. A edil nacionalista reclamou tamén que o goberno municipal lle esixa á Xunta de Galiza unha solución definitiva para este vial que presenta constantes problemas no firme desta zona.
Abraira lembrou que o estado desta vía é responsabilidade da Consellería de Política Territorial e que xa fora arranxada fai menos de dous anos cando o BNG ostentaba as responsabilidades na área de infraestruturas do concello de Lugo. O BNG solicita que se lle de unha solución definitiva xa que a aparición reiterada deste socavón non é derivada do uso da vía se non que se trata dun defecto constructivo.
Abraira sinalou que a Consellería debe de dar solución definitiva xa que a avenida Infanta Elena é un dos viais máis transitados para o acceso á cidade e non é de recibo que continúen aparecendo problemas no firme de xeito reiterado. A aparición deste socavón é consecuencia, segundo consideran algúns técnicos, da existencia de caudais de auga subterranea nesta zona que non foron debidamente canalizados no momento da construción da estrada.