O BNG PIDE QUE SE INCREMENTE A CONTRATACIÓN DE PERSOAL DE SERVIZOS SOCIAIS NO CONCELLO
O Real Decreto 20/2011 impidelles ás entidades locais incrementar o gasto en persoal, somentes se está xustificada a excepcionalidade
Para o BNG a actual situación e a demanda de servizos sociais por parte da cidadanía é unha verdadeira situación de excepcionalidad
Lugo, 25 de maio de 2013. O BNG levará ao vindeiro pleno do concello de Lugo unha moción para que o goberno local demande a excepcionalidade prevista no Real Decreto 20/2011 para poder incrementar o persoal que desenvolva labores nos servizos sociais municipais encamiñados fundamentalmente a xestión tanto da emerxencia social como da bolsa de alugueiro de vivendas.
Segundo Paz Ábraira na actual situación o concello ten que ter capacidade para dar resposta ás necesidades da xente que se atopa nunha situación máis crítica. A pesar do incremento de persoal que nos últimos anos se produciu nos servizos sociais do concello, neste momento están absolutamente desbordados pola situación de crise económica, o que aboca a moitas persoas que nunca fixeron uso deste servizo municipal a ter que acudir a el en demanda de axuda dada a súa precaria situación.
Paz Abraira culpou ás políticas de recortes aplicadas a nivel Estatal e da Xunta que están repercutindo de maneira claramente negativa sobre este e outros servizos públicos. A merma de recursos está obrigando aos concellos a prestar menos servizos ou, no caso de mantelos, a facer un esforzo económico propio que en moitos casos non poden asumir. Abraira xustificou a necesidade do incremento de persoal nos servizos sociais municipais por que a xestión que se está a realizar desde os servizos sociais municipais das partidas de emerxencia social e das bolsas de aluguer de vivenda precisan de numerosos informes e incluso de visitas domiciliarias que teñen que ser realizados por persoal técnico coa cualificación necesaria.
A situación actual determina que o perfil de usuarios dos servizos sociais sexa diferente ao de fai uns anos, de maneira que cada centro social, que atende a unha área de referencia da zona urbana e da rural, ve incrementado o seu traballo ao sumarse aos usuarios anteriores os novos demandantes de servizos. Paz Abraira explicou que se trata dun perfil cambiante nestes demandantes dos servizos sociais municipais, polo que é preciso contar con máis persoal para que non se produzan demoras na atención, que en moitos casos poden ser realmente dramáticas.
Abraira valorou o sobreesforzo que está a realizar o persoal que actualmente traballa nos servizos sociais do concello pero que non é quen de atender a demanda crecente e variada. O BNG considera totalmente xustificada a excepcionalidade prevista no Real Decreto 20/2011 para que o concello de Lugo se dote de máis traballadores/as sociais, que son quen realizan os informes e visitas para todas as actuacións vinculadas coa atención social primaria.