O BNG CELEBROU UNHA CONCENTRACIÓN CONTRA A REFORMA DA LEI DO ABORTO DIANTE DO OBISPADO DE LUGO

O BNG CELEBROU UNHA CONCENTRACIÓN CONTRA A REFORMA DA LEI DO ABORTO DIANTE DO OBISPADO DE LUGO

Este acto enmarcouse dentro da campaña "O noso corpo, a nosa decisión. Aborto libre e gratuíto"

Lugo, 27 de maio de 2013. O BNG celebrou, diante do Obispado de Lugo, unha acto simbólico contra a reforma da lei do aborto. O Bloque Nacionalista Galego desenvolveu actos similares en todas as cidades e vilas galegas baixo o lema "O noso corpo, a nosa decisión. Aborto libre e gratuíto". A responsabel de acción feminista do BNG de Lugo, Merce Mourenza, dixo que con estes actos “o BNG quere transmitirlle á cidadanía a necesidade de defender o dereito que historicamente as mulleres conquistaron e a exixencia de que as mulleres que o así decidiren poidan realizalos en condicións dignas e cunhas garantías sanitarias óptimas”.

A proposta de reforma do PP, avalada e impulsada de xeito entusiasta pola Conferencia Episcopal responde a posicións ideolóxicas da dereita máis reaccionaria que ataca os dereitos das mulleres e nega o control das súas vidas e dos seus corpos. Existe tamén un forte compoñente económico neste debate, pois paira sobre todo el a idea de que as mulleres deben regresar aos papeis tradicionais de nais e coidadoras, de tal maneira que se faga recaer nelas todos os servizos que o Estado deixa de prestar co desmantelamento da Lei de dependencia, as escolas infantís e os servizos públicos.

O pasado 15 de maio o Parlamento galego debateu unha proposición do BNG contraria á modificación da actual Lei 2/2003, do 3 de marzo, de saúde sexual e reprodutiva e de interrupción voluntaria do embarazo, unha lei que segundo Merce Mourenza “é moi mellorábel, sobre a que non se pode dar ningún paso atrás”.

Texto do manifesto

ABORTO LIBRE E GRATUÍTO. O NOSO CORPO, A NOSA DECISIÓN.

O Goberno do Partido Popular anunciou a través do ministro de Xustiza Alberto Ruiz Gallardón, unha modificación da actual Lei de saúde sexual e reprodutiva e interrupción voluntaria do embarazo que ameaza con volver a unha lexislación anterior á despenalización de 1985, devolvendo o dereito ao aborto ao Código Penal. A Conferencia Episcopal, aliado do Partido Popular nesta empresa de lexislar sobre os corpos das mulleres, vén realizando numerosas declaracións de apoio a este retroceso lexislativo e mesmo a campañas que solicitan a total prohibición do dereito das mulleres a interromper o embarazo.

Coa proposta do Partido Popular de reforma da lei do aborto os dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres retroceden máis de 25 anos. A proposta, esbozada apenas por declaracións políticas nos medios de comunicación, pon en cuestión a vida das mulleres e a súa autonomía para tomar decisións que lles afectan. Non queremos unha modificación que vai provocar diferenzas de acceso á interrupción voluntaria do embarazo en función da situación económica das mulleres, que supón pretender que as mulleres necesiten o permiso dun profesional ou titor (caso das menores) para tomar as súas decisións, que persiga mulleres e profesionais que escollan interromper o seu embarazo ou realizar a intervención, que cuestione a decisión das mulleres ou que devolva o aborto á clandestinidade con terríbeis consecuencias para a saúde das mulleres.

Fronte a isto o BNG defende o dereito das mulleres a decidiren libremente sobre os seus corpos, sen que a Conferencia Episcopal ou o goberno inflúan ou condicionen a súa decisión. Por iso cremos que, malia que actual lei ten numerosos aspectos mellorábeis como a regulación da obxección de conciencia dos profesionais, o período de 3 días de reflexión das mulleres ou non garantir que a interrupción do embarazo se realice na sanidade pública, non podemos dar pasos atrás na lexislación sobre interrupción voluntaria do embarazo.

Dende o BNG demandamos:

  1. Que non se cuestione a liberdade das mulleres para decidir sobre os seus corpos.
  2. Campañas de formación e información sobre métodos anticonceptivos, fundamentais para evitar embarazos non desexados e prácticas sexuais de risco.
  3. Manter a actual Lei de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo ou que calquera modificación desta sexa en favor da libre escolla das mulleres.
  4. Medidas para garantir que en todas as áreas sanitarias, os hospitais públicos galegos atendan a demanda existente de realización de interrupcións voluntarias de embarazo cos seus medios propios, coa finalidade de garantir a igualdade no acceso a esta prestación.
  5. Regular a obxección de consciencia d@s profesionais para garantir a atención ás mulleres.
  6. Garantir que a información que reciben as mulleres con carácter previo ao consentimento da interrupción voluntaria do embarazo sexa obxectiva.
  7. Eliminar as subvencións a entidades contrarias á libre escolla das mulleres como Red Madre e as referencias a este tipo de entidades na información que facilita a Xunta ás mulleres que deciden interromper o seu embarazo.

As mulleres teñen dereito a decidir sobre os seus corpos, a escolleren sobre a súa maternidade sen imposicións de ningún tipo, sen tutelas do estado, que debe pór ao seu dispor todos os recursos necesarios para interromper voluntariamente o seu embarazo na sanidade pública ou para exerceren a maternidade se así o deciden.

O BNG CELEBROU UNHA CONCENTRACIÓN CONTRA A REFORMA DA LEI DO ABORTO DIANTE DO OBISPADO DE LUGO