O BNG PROPÓN A IMPLANTACIÓN, NESTE CURSO ESCOLAR, DOS ITINERARIOS ESCOLARES

O BNG PROPÓN A IMPLANTACIÓN, NESTE CURSO ESCOLAR, DOS ITINERARIOS ESCOLARES

Paz Abraira lembrou que “foi unha iniciativa do BNG a implantación dos itinerarios escolares”

Os nacionalistas denunciaron, tamén, a invasión de maleza no entorno do colexo de Albeiros

LUGO, 19 de setembro de 2013. O BNG propón que a implantación dos Itinerarios Escolares se faga xa neste curso escolar. A creación de itinerarios escolares foi unha proposta levada a pleno polo BNG o 29 de xuño de 2009 e aprobada por tódalas forzas políticas. No momento da elaboración da Ordenanza Municipal de Circulación o BNG tamén incluíu, entre as súas alegacións, que se crease un apartado adicado a regular o funcionamento destes Itinerarios Escolares.

Os Itinerarios Escolares Seguros xa están a funcionar noutras cidades, como é o caso de Pontevedra, e teñen como obxectivo o agrupamento de persoas da comunidade escolar á hora de transitar, a pé, cara os centros escolares . Estes itinerarios terían un ou varios trazados asignados a cada centro educativo e poríase en marcha en colaboración cos propios centros e as familias.

A creación destes itinerarios suporía a colocación e sinalización pertinente do camiño a seguir así como dos puntos de encontro dos nenos/as e familiares para realizar xuntos/as o itinerario diario ao centro dun xeito máis seguro. Os nenos e nenas estarían acompañados por persoas que, implicadas na implantación dos itinerarios, contribuísen a facer máis seguro o transito dos escolares, sobre todo nos cruces e intersecións.

O primeiro, limpar a maleza

A edil nacionalista, Paz Abraira, denunciou a invasión de maleza no entorno do colexo de Albeiros e dixo que “o primeiro paso que hai que dar para poñer en marcha os intienerarios escolares é limpar a maleza e facer transitables as beirarúas”. A existencia de multitude de solares abandoados, que carecen de peche, e que non foron desbrozados nos últimos tempos é o motivo de que a vexetación invada parte das beirarúas. Paz Abraira lembrou que “estas beirarúas son moi utilizadas, a diario, por nenos e nenas para ir á escola”.

O BNG esíxelle ao goberno municipal que manteña e coide as rúas e as berirúas en bo estado para que os peóns poidan transitar sen dificultade. Este coidado debe ser, segundo Paz Abraira, “máis vixiado nas zonas próximas aos centros escolares e sobre todo nos que están situados no entorno na cidade”.

O BNG PROPÓN A IMPLANTACIÓN, NESTE CURSO ESCOLAR, DOS ITINERARIOS ESCOLARES