COSME POMBO DENUNCIA QUE 60.000 MOZOS E MOZAS TIVERON QUE EMIGRAR DENDE QUE CHEGOU FEIJÓO
O cabeza de lista do BNG pola provincia de Lugo dilles aos mozos e mozas que a indignación non chega, hai que ir votar o domingo para cambiar as cousas para que poidan vivir e traballar na súa terra
Lugo/Meira/Mondoñedo, 16 outubro 2012.- O cabeza de lista do Bloque Nacionalista Galego ao Parlamento Galego por Lugo, Cosme Posmo, denunciou esta mañá que desde que chegou Feijóo á Xunta, en tres anos e medio, máis de 60.000 mozos e mozas galegos tiveron que emigrar para atopar traballo e gañarse a vida e dixo que a taxa de paro xuvenil en Galiza é do 50%, unha das máis altas de toda Europa, o que quere dicir que a metade dos mozos e mozas non teñen traballo.
Durante un reparto de información na Universidade, Cosme Pombo contrapuxo as políticas para a mocidade do BNG coas que está a aplicar o PP: Nós, no BNG, queremos que os nosos fillos e as nosas fillas, que os mozos e mozas deste país, poidan vivir e traballar con dignidade na nosa terra; Feijóo e o PP queren que aprendan inglés e que emigren, dixo.
O candidato nacionalista afirmou hoxe que Galiza vive novamente unha marea de emigración que está a baleirar a este país de mozos e mozas. Os nosos avós tiveron que emigrar a América, a Cuba, Arxentina, Venezuela; os nosos pais a Europa, a Suíza, Alemaña, Inglaterra; e agora os nosos fillos e as nosas fillas vense novamente obrigados a emigrar, a marchar de Galiza, porque aquí non teñen traballo nin un Goberno que se preocupe por eles, denunciou.
Cosme Pombo apelou directamente ao voto da rebeldía e díxolles aos mozos e mozas que a indignación non chega, hai que ir votar o domingo para cambiar as cousas. Se todos os mozos e mozas ides votar, Feijóo perde. O PP o que quere é que os mozos e mozas se queden na casa, porque así eles gañan. Pero Feijóo non merece unha segunda oportunidade, dixo o cabeza de lista do Bloque diante dun grupo de mozos e mozas no campus de Lugo.
Incremento das taxas na Universidade para que só poidan estudar os fillos dos ricos
Cosme Pombo denunciou a suba de taxas universitarias e dixo que Feijóo e o PP están mentindo cando din que en Galiza non subiron. Para este curso 2012-2013 o incremento para a segunda matrícula foi dun 18%, para a terceira dun 60% e para a cuarta dun 90%, ao que hai que engadir que se endureceron as condicións para obter unha beca, explicou o cabeza de lista do Bloque, que dixo que con estas medidas o PP o que persegue é que só poidan estudar os fillos dos ricos.
O BNG apoia as manifestacións convocadas para mañá no ensino polos estudantes a as asociacións de pais e nais de alumnos en contra dos recortes que está a aplicar o Partido Popular no ensino público. Cosme Pombo, mestre de profesión, defendeu que os servizos públicos sigan sendo públicos porque é a única garantía de igualdade da poboación e a única maneira de garantir que os nosos fillos van ter, polo menos, a mesma calidade de vida ca nós.
Neste sentido, denunciou os tremendos recortes que está a aplicar o Partido Popular en servizos básicos como a educación e a sanidade, e puxo como exemplo os libros de texto. Fai tres anos, cando gobernaba o BNG na Xunta de Galiza, eran gratis, agora non. Eu teño tres fillos e acabo de pagar 900 euros polos libros para que poidan estudar, exemplificou.
Encontro con maiores en Meira
Pola tarde, Cosme Pombo celebrou actos públicos en Meira e en Mondoñedo. En Meira o candidato do BNG reuniuse cun grupo de xubilados, aos que lles pedíu que non voten polo PP. Rajoy está agardando que pasen as eleccións para recortar as pensións. E Feijóo é cómplice. O que vote a Feijóo estaralle dando um cheque en branco ao seu xefe Rajoy para que baixe as pensións despois do domingo, advertíu o candidato nacionalista, que indicou que os 120.000 xubilados da provincia de Lugo xa cobran as pensións máis baixas de todo o Estado.
A isto hai que engadir, dixo, o pago dos medicamentos, que ten moitísima incidencia nunha provincia como a de Lugo, cunha grande porcentaxe de poboación maior. Os xubilados cotizastes toda a vida para ter dereito a unha sanidade de calidade e agora fanvos pagar os medicamentos, pois non hai sanidade sen medicamentos e a sanidade ten que ser pública e gratuita, díxolles Cosme Pombo. Para o cabeza de lista do BNG, as políticas de recortes de servizos públicos que está a aplicar o Partido Popular van facer que só poidan estudar os fillos dos ricos e só teña unha boa atención sanitaria aquel que a poida pagar.
ECAR e Muebles Hermida
En Mondoñedo o candidato do Bloque referíuse á situación do emprego na comarca da Mariña, que sufríu os ERES de empresas como ECAR ou Muebles Hermida e que debate agora o seu futuro en torno a Alcoa. Feijóo anunciou que Alcoa terá a electricidade máis barata, pero iso non chega, hai que garantir os postos de traballo. Onde está o compromiso de que a cambio de ter a enerxía a mellor prezo vanse manter os empregos na comarca da Mariña, preguntou.