COSME POMBO ACUSA AO PP DE “ROUBAR AOS OBREIROS PARA DARLLE OS CARTOS AOS BANQUEIROS”

COSME POMBO ACUSA AO PP DE “ROUBAR AOS OBREIROS PARA DARLLE OS CARTOS AOS BANQUEIROS”

O cabeza de lista pola provincia de Lugo defendeu un sistema tributario máis xusto no que os ricos paguen máis impostos

 Cosme Pombo reuníuse esta mañá con CIG, CCOO e UGT para lles pedir a implicación dos sindicatos para “mobilizar á xente de esquerdas para que vaia votar o domingo”

 Lugo, 17 outubro 2012.- O cabeza de lista do Bloque Nacionalista Galego ao Parlamento Galego pola provincia de Lugo, Cosme Pombo, acusou hoxe ao PP de “roubar aos obreiros para darlle os cartos aos banqueiros”. Durante un encontro cos responsables na provincia de Lugo dos sindicatos CIG, CCOO e UGT, Cosme Pombo afirmou que “o PP sácalles os cartos aos traballadores e traballadoras para darllos aos bancos” e reclamou “un sistema tributario máis xustos para que o custe desta crise non o paguen as clases populares”, dixo.

O cabeza de lista do Bloque por Lugo pedíu a implicación dos sindicatos para “mobilizar á xente de esquerdas para que vaia votar este domingo para botar ao PP do Goberno e comezar a facer unhas políticas diferentes a favor da xente e non dos bancos”. Diante dos responsables da CIG, CCOO e UGT, Sé Ferreiro, Xesús Castro e Ángel Tomé, e acompañado da economista e número 10 da lista do BNG, Mar Pérez Fra, Cosme Pombo afirmou que “quedan só cinco días para as eleccións” e dixo que “quedan tamén menos días para o rescate, porque Rajoy está esperando que pasen as eleccións para pedilo”.  E acusou a Feijóo de ser “cómplice”, porque agocha o programa de recortes masivos que ten preparados o seu xefe Rajoy para despois das eleccións, cando pida o rescate, como a baixada das pensións”, denunciou.

Gobernar ao servizo das maiorías sociais e non da gran banca

Por contra, Cosme Pombo defendeu a alternativa do BNG, que defende “un sistema tributario xusto no que pague máis quen máis ten”. Neste sentido, o cabeza de lista do Bloque denunciou que “mentras un traballador que cobra 1.000 euros paga un 16% a Facenda, un millonario que ten unha SICAV paga só o 10%”. “Unha as claves do Programa do BNG é incrementar a xustiza do sistema fiscal, impulsando a función de redistribución da renda e riqueza e como instrumento activo na corrección das desigualdades sociais establecendo novos tramos na tarifa xeral do IRPF para as rendas superiores e creando unha taxa específica sobre os grandes beneficios da banca privada, así como un réxime fiscal sobre a actividade financeira que grave as transaccións especulativas”, explicou o candidato do Bloque.

Cosme Pombo pedíu aos cidadán que aposten polo BNG, porque defende un “cambio de políticas en favor do pobo e ao servizo das maiorías sociais e non da gran banca e a oligarquía financieira”. “O que queira que sigan gobernando para a banca xa sabe o que ten que facer, votar ao Partido Popular, pero o que queira que se goberne para as clases sociais deste país que vote ao BNG”, dixo.

Por iso, Cosme Pombo pedíu “aos sectores prexudicados polas políticas de Feijóo” que non volvan votar polo PP o día 21 senón “pola única forza política que lles garante un cambio de políticas e non só de políticos”. O cabeza de lista por Lugo dirixiuse “ás 27.000 persoas que hai no paro na provincia de Lugo; aos empregados públicos que viron rebaixado o seu salario e degradadas as súas condicións de vida e de traballo, 24.000 na provincia de Lugo; aos 3.000 labregos e labregas que tiveron que pechar as súas explotacións nestes anos; aos 60.000 mozos e mozas que tiveron que emigrar por non ter traballo; aos 100.000 galegos e galegas aos que lles roubaron os seus aforros coas preferentes para entregarllos á gran banca” e pediulles “que non voten a quen os traizoou, que non voten ao Partido Popular”. “Feijóo non merece unha segunda oportunidade”, dixo.

O 12% dos fogares lucenses está no limiar da pobreza

Pola tarde o cabeza de lista do BNG, acompañado pola número 8 da lista, Cristina Ferreiro, reuniuse coas asociacións de carácter social integradas dentro de Cogami. Alí Cosme Pombo afirmou que “as políticas de recortes do PP están profundizando na fenda social até límites que parecían impensables e xa, na provincia de Lugo, máis do 12% dos fogares están en risco de pobreza ou exclusión social”, explicou. O candidato nacionalista afirmou que “todos os indicadores sociais e económicos demostran que as políticas do Partido Popular están empobrecendo a moita xente e na provincia de Lugo xa hai 5.000 familias que teñen a todos os seus membros no paro e teñen dificultades mesmo para comer”, denunciou.

Apoio aos estudantes en defensa do ensino público

O candidato nacionalista acudíu tamén a apoiar a manifestación organizada polos estudantes en defensa do ensino público e gratuito e en contra dos recortes que está a aplicar o PP na educación. Cosme Pombo, mestre de profesión, denuncia que “as políticas do PP fan que só poidan estudar os fillos dos ricos”.

COSME POMBO ACUSA AO PP DE “ROUBAR AOS OBREIROS PARA DARLLE OS CARTOS AOS BANQUEIROS”