O PORTAVOZ DO BNG NA DEPUTACIÓN DE LUGO INSTA Á XUNTA DE GALIZA A PROTEXER O IDIOMA GALEGO
Outeiro afirma que o Consello de Europa criticou recentemente a política do plurilingüismo de Feijóo por reducir o galego en todas as instancias educativas
Un convenio coa Confederación Hidrográfica do Miño-Sil permitirá arranxar as marxes do Cabe ao seu paso por Monforte
Lugo, 2 de novembro de 2012. O portavoz do BNG na Deputación de Lugo e delegado das áreas de Cultura e Turismo, Mario Outeiro, amosou, na rolda de prensa celebrada trala Xunta de Goberno de hoxe, a súa discordancia coa política lingüística da Xunta de Galiza, que se basea en cubrir o expediente porque existe un departamento que é a Secretaría Xeral de Política Lingüística, pero logo todos os estudos e análises confirman a perda alarmante de coñecemento e uso do idioma galego en todas as instancias educativas e idades, como ilustra a cifra de que só o 3% de escolas de educación infantil imparten esta ensinanza en galego. Desta tendencia de desprotección do galego por parte da Xunta alertou recentemente o Consello de Europa, xa que o organismo internacional criticou especialmente a redución gradual do ensino en galego en todos os niveis e lembra que a obriga dos poderes públicos é garantir liñas educativas nucleadas no idioma propio de Galiza.
Mario Outeiro lembrou que na Carta Europea de Linguas elaborada polo comité de expertos do Consello de Europa apuntan que o modelo do chamado decreto de plurilingüismo imposto por Feijóo contra o criterio da comunidade educativa non debe afectar á media de presenza do galego na escola, como si está a facer. Lembremos que nestes momentos, nas estimacións máis optimistas, só o 20% do ensino non universitario se desenvolve en galego e que só o 3% dos centros de infantil das cidades declaran impartir as aulas na lingua do país. Ningunha outra lingua oficial no Estado español se encontra cunha situación tan limitada.
Fronte a isto, o delegado de Cultura e Turismo da Deputación afirmou que desde esta administración, pola contra, traballamos sempre coa mirada posta en que cada actividade que desenvolvemos ou promovemos sexa desenvolvida en galego e afonde nun maior uso, respecto e promoción da nosa lingua. De feito, ademais do propio servizo de Normalización Lingüística da Deputación, que traballa de xeito interno promovendo a normalización do galego na xestión da documentación e trámites, e tamén presta servizo aos concellos e á cidadanía, colaboramos cos centros de ensino programándolles actividades culturais que poñen en valor o noso idioma, como pode ser coas organizadas ao redor da semana do libro, a creación e exhibición xunto con actividades arredor dos debuxos animados infantís en galego Caracois, dinamización do galego e o portugués co programa OPS! e o apoio ao Correlingua, ou a proxección dun filme en galego como Vilamor.
Mario Outeiro tamén lembrou o apoio que desde a Deputación de Lugo se lle presta a todas as institucións que traballan a prol do galego desde os seus diferentes ámbitos, como a Real Academia Galega, a Asociación de Escritores en Lingua Galega, etc., así como tamén se apoian iniciativas puntuais como moreas de certames literarios e proxectos tan necesarios e importantes como o Vocabulario Forestal (español-galego-inglés). Isto só son unha serie de exemplos do que unha administración responsábel pode facer a prol da nosa cultura e do noso idioma, por iso, recollendo o ditame do Consello de Europa, queremos desde aquí instar ao goberno da Xunta de Galiza a que tome cartas no asunto e non deixe que a nosa lingua siga perdendo falantes.
Vicepresidencia destaca que a eficiente xestión da Deputación permite asumir novas actuacións e seguir facendo políticas sociais
Mario Outeiro insistiu na confirmación de que a Vicepresidencia da Deputación aportará durante os vindeiros tres anos un total de 940.000 euros, inversión derivada do convenio de colaboración asinado co concello de Monforte e a Confederación Hidrográfica do Miño - Sil para o mantemento e conservación das obras de acondicionamento do canle e as marxes do río Cabe ao seu paso polo municipio lucense de Monforte de Lemos no tramo comprendido entre A Compañía e a parroquia de Espiñeira.
Materialízase así o compromiso adquirido polo ente provincial en 2011 para ampliar o paseo fluvial do Cabe, un proxecto ambicioso para Monforte que cambiará a súa fisionomía, segundo explicou o portavoz e delegado provincial de Cultura e Turismo, Mario Outeiro, quen desmentiu que nalgún momento estivera en perigo a aportación da Deputación.
Outeiro insistiu en que "trátase dunha actuación ambiciosa que pode acometerse grazas á eficiencia na xestión económica a nos permite manter cousas como o Servizo de Axuda no Fogar básico que a Xunta nega ao concellos con menos de 20.000 habitantes e seguir apoiando iniciativas sociais a prol da integración dos colectivos máis necesitados.