O CONCELLO DE LUGO CAMBIARÁ O NOME A 8 RÚAS DA CIDADE QUE HONRAN A PERSOEIROS FRANQUISTAS
O tenente alcalde, o nacionalista Antón Bao, anunciouno esta tarde no Pleno Municipal
Trátase das rúas General Tella, Comandante Manso, Cedrón del Valle, Teniente Coronel Teijeiro, Irmáns Pedrosa e das avenidas de Ramón Ferreiro e Cárlos Azcárraga.
A Comisión do Rueiro reunirase para abordar este cambio.
O pacto de Goberno asinado entre o BNG e o PSOE recolle expresamente un punto adicado ao cumprimento da Lei da Memoria Histórica.
Bao afirmou que se trata dun "acto de xustiza histórica"
O cambio anunciado hoxe culmina o proceso iniciado en 1980 (por acordo plenario do 18 de xaneiro de 1980), cando se substituíron o nome das rúas Pilar Primo de Rivera por Profesor Otero Pedrayo, Luís Ortiz Muñoz por Lamas de Prado, Ronda dos Caídos por Ronda da Muralla e José Viador por Salvador de Madariaga; e continuado no ano 2000 (por acordo plenario do 2 de xuño de 2000), cando se cambiaron Ronda Almirante Carrero Blanco por Ronda das Fontiñas, Praza do Exército Español por Fonte dos Ranchos, rúa Xeneral Franco por rúa do Teatro, Praza Soto Freire por praza de Augas Férreas e rúa Dezaoito de Xullo por Camiño Real.
NOMES DE RÚAS DE LUGO QUE GLORIFICAN A REBELIÓN MILITAR E O FRANQUISMO
CARLOS AZCÁRRAGA
Carlos Azcárraga Collazo naceu en Lugo, fillo do tenente coronel Victoriano Azárraga Sánchez. Seu irmán Emilio foi voluntario á conquista de Madrid co Comandante Manso; súa irmá Elena foi destacada militante da Sección Feminina da Falanxe. Carlos Azcárraga Collazo, tamén destacado falanxista segundo di Alfonso Santos Alfonso, era artilleiro a bordo do Cruceiro Baleares, que se rebelou contra o goberno lexítimo e que foi afundido o 6 de marzo de 1938 pola frota leal á República.
GENERAL TELLA
Helí Rolando Tella Cantos, nacido en Gomeán no 1888, xa participou en 1932 no golpe de estado do xeneral Sanjurjo. Sublevado en 1936, participou ás ordes de Yagüe na represión de Andalucía e Estremadura. Tenente coronel ó principio da guerra, saíu dela co grao de xeneral. Gobernador militar de Lugo, enriqueceuse con diversos negocios ilícitos (segundo é tradición, controlaba mesmo unha rede de tráfico de armas para particulares) e construíu o chamado pazo de Adai co traballo escravo de soldados e presos políticos, do que tamén se lucraba nunha fábrica de fariñas que tiña. En 1943 foi separado do exército por un tribunal de honor. Algúns afirman que o motivo desta separación foi un enfrontamento con Franco porque Tella era monárquico, e de feito construíuse toda unha lenda ó redor desa suposta inimizade política.
COMANDANTE MANSO
Jesús Manso Rodríguez, nacido en 1889, comandante de infantaría destinado en Lugo, foi principal responsable do triúnfo da sublevación na nosa cidade. Xa en 1934 se distinguira, á fronte dunha columna de infantaría motorizada, na represión do movemento revolucionario obreiro de Asturias. En xullo do 1936 saíu de Lugo á cabeza doutra columna, ocupou Ponferrada e organizou a primeira represión no Bierzo, especialmente dirixida contra os mineiros. Partiu logo contra Madrid, e morreu en acción de guerra no Alto del León, despois chamado polo franquismo Alto de los Leones de Castilla.
Un goberno ilexítimo do Concello de Lugo (unha troica de designación militar presidida polo comandante Juan Yáñez) púxolle o 7 de setembro de 1936 o nome do Comandante Manso á praza ata daquela chamada dos Mártires de Carral.
CEDRÓN DEL VALLE
José Cedrón del Valle, falanxista de primeira hora, foi fundador e Xefe Provincial da Falange de Lugo, onde xa antes de xullo do 36 impulsou actividades violentas contra as institucións democráticas. Despois da rebelión militar organizou a primeira vaga da represión, pero logo uniuse ás tropas que querían conquistar Madrid, e resultou morto en setembro do 36 na serra do Guadarrama.
TENENTE CORONEL TEIJEIRO
Jesús Teijeiro Pérez, nacido en Baamonde no 1892, estaba retirado do exército co grao de tenente coronel, pero foise unir ó golpe militar á Coruña, e alí organizou e adestrou a banda terrorista denominada Caballeros de la Coruña, que tivo un papel moi destacado na represión. Logo, posto ó mando dunha das columnas galegas que marcharon a Asturias, conseguiu romper o cerco de Oviedo e entrar na cidade sublevada para reforzar a súa defensa. Alí morreu por consecuencia dun bombardeo aéreo o 27 de outubro do 1936
No ano 2009 o Concello de Oviedo, con maioría do PP, acordou retirar unha estatua do Tcol. Teijeiro e cambiar o nome dunha praza que lle estaba dedicada. No mesmo ano tamén se lle retirou o seu nome á rúa que tiña na Coruña.
RAMÓN FERREIRO
Ramón Ferreiro Rodríguez naceu en Valladolid no 1903. Falanxista de primeira hora (camisa vieja), o 17 de maio de 1941 foi nomeado gobernador civil de Lugo, cargo que ocupou ata 1957. Tamén foi Procurador en Cortes durante varios períodos, e ocupou outros altos cargos no franquismo, por exemplo Xerente xeral da Prensa do Movemento. Publicou varios libros de poesía. Á súa xestión como gobernador de Lugo atribúeselle a construción dos Institutos Masculino e Feminino e da Escola de Maxisterio. Aínda que seu perfil parece moi burocrático, e mesmo suave na tradición forxada polo franquismo supérstite, durante a súa gobernación en Lugo cometéronse grandes crimes gobernamentais: por exemplo en 1946, cando caeu a estrutura do PC na provincia e os detidos foron torturados salvaxemente, algún deles ata a morte.
IRMÁNS PEDROSA
A glorieta coñecida como dos Irmáns Pedrosa está dedicada ós irmáns Pedrosa Posada, Carlos, Ramón e Jacobo (ou Santiago), que xunto co seu outro irmán Germán se alistaron voluntarios nas primeiras unidades do exército rebelde para combateren a República. Carlos Pedrosa Posada, xa ascendido a tenente provisional, morreu en xaneiro de 1938 no Frente de Teruel. Santiago (ou Jacobo, que das dúas maneiras figura o seu nome en diferentes sitios), tamén tenente provisional, morreu na mesma fronte de combate no mes de maio de 1938, e foi condecorado coa Cruz Laureada de San Fernando. E finalmente, no mesmo mes de maio e na mesma grande e decisiva batalla, perdeu a vida o alférez provisional Ramón Pedrosa, que foi condecorado coa Medalla Militar Individual. O enterro destes dous últimos celebrouse en Lugo o 3 de xuño do 1938, e constituíu unha gran manifestación de afirmación fascista.
RUIZ DE ALDA
Julio Ruiz de Alda Miqueleiz naceu en Estella (Navarra) en 1897. Militar de carreira, en 1926 fixo con Ramón Franco, Juan Manuel Durán e o mecánico Pablo Rada a travesía en hidroavión de Palos de la Frontera a Bos Aires, que foi considerada no seu tempo unha gran fazaña. Entre os moitos honores que recibiu por ela cóntase a encomenda de San Gregorio o Magno que lle impuxo Benito Mussolini. Fundador da Falanxe xunto con José Antonio, foi un dos tres oradores que interviñeron no famoso mitin do Teatro da Comedia en 1933. Uns días antes de estoupar a rebelión militar foi preso por conspiración contra a República, e fusilado o 22 de agosto. Era sobriño político do contraalmirante Antonio Azarola Gresillón, segundo xefe da base naval de Ferrol, que fora fusilado polos franquistas o 4 de agosto por negarse a entregar ós sublevados o mando do Arsenal, do que era comandante xeral. O mito Ruiz de Alda foi unha das principais bandeiras do fascismo español.