Galiza ten que recuperar as competencias sobre as concas hidrográficas
Olalla Rodil e Noa Presas sinalaron que a presenza do BNG no congreso é fundamental para que non volvan darse atentados contra os nosos ríos como o da Fábrica da Luz
Para o BNG a dependencia de Galiza do Estado non deixa de lastrar os nosos recursos tanto económicos como naturais
Lugo, 4 de xuño de 2016. As candidatas polo BNG ao Congreso nas circunscricións de Lugo e Ourense reivindicaron, dende Lugo, a necesidade de que Galiza recupere as competencias sobre as concas hidrográficas galegas. Para o BNG a dependencia de Galiza do Estado non deixa de lastrar os nosos recursos tanto económicos como naturais e por iso, segundo Olalla Rodil e Noa Presas, a presenza do BNG no congreso é fundamental para que non volvan darse atentados contra os nosos ríos como o da Fábrica da Luz.
No acto simbólico, feito ao pé do espigón existente do río Miño á altura das Saamasas, ámbalas dúas candidatas estiveron acompañadas de cargos orgánicos e institucionais do BNG. Con cartaces nos que figuraba o lema Gobernemos Nós os Nosos Ríos, as candidatas do BNG lembraron que é unha reivindicación historíca do BNG recuperar as competencias, para Galiza, sobre a conca hidrográfica do Miño e do Sil.
Pola súa banda a candidata por Ourense, Noa Presas, apuntou que a colisión entre as diferentes administracións, e o feito de que sexa dende Madrid dende onde se decide o que se fai sobre os nosos ríos incrementa o dano sobre os nosos recursos e engadiu que a dependencia de Galiza do Estado non deixa de lastrar os nosos recursos tanto económicos como naturais.
Olalla Rodil, candidata por Lugo, explicou que fixemos este acto de xeito conxunto por que hai moitas cuestións que afectan a Lugo e a Ourense e tamén para rachar coa esa división artificial das provincias, por que temos moitísimas problemáticas conxuntas. Temos que denunciar este tipo de obras e decisións xa que son inadmisibeis e sumámonos aos colectivos ecoloxistas e sociais que levan moitos meses a defender o río sinalou Olalla Rodil.
Rodil criticou o feito de que a Confederación Hidrográfica e as outras administracións actuaran unha vez producido o dano e acumulando unha serie de informes, sancións e despropósitos que, ademais de permitir este atentado paisaxístico, van repercutir sobre a economía do concello de Lugo e por tanto sobre as veciñas e veciños. Olalla Rodil referiuse á resolución da Confederación Hidrográfica na que se grava todo o peso deste atentado ecolóxico sobre o concello de Lugo, cando existe unha empresa que foi a executora desta obra.