Impoñer prohibicións en vez de buscar solucións, así traballa o goberno municipal dixo Arroxo
O voceiro do BNG-Asembleas Abertas propuxo que se solucione a saída das escaleiras que unen o parque Marcos Cela coa zona da Ponte Romana
Os nacionalistas criticaron o peche cunha valla tipo Melilla que impide o paso nas inmediacións da Volta da Viña
Lugo, 4 de outubro de 2015. O voceiro do BNG Asambleas Abertas valorou negativamente a actuación do goberno municipal á hora de pechar as escaleiras que comunican o parque de Marcos Cela coa zona da Ponte Romana. Impoñer prohibicións en vez de buscar solucións, así traballa o goberno municipal dixo Arroxo que relacionou este peche co recente veto á participación veciñal nos plenos da corporación.
Rubén Arroxo manifestou que existen diversas posibilidades técnicas para dar solución ao transito de peóns, garantindo a súa seguridade, e o concello conta con persoal técnico especializado que pode aportar ideas. Arroxo afirmou que a instalación desta valla tipo Melilla é unha solución chapuceira e impropia deste século Para o BNG Asambleas Abertas este non é o xeito de facer que Lugo funcione.
Dende o grupo nacionalista reclámase do goberno municipal que se adopte unha solución definitiva para unir dúas zonas privilexiadas do entorno da cidade. As escaleiras que comunican o parque de Marcos Cela coa Volta da Viña son usadas por un gran número de persoas, que viven na zona de Fingoi e a Aceña de Olga, para achegarse a camiñar e facer deporte a carón do río Miño.